María Lago Bernárdez
Julien Courcier Cortegoso
12 DESTACADXS
Polo noso número especial queríamos destacar algunhas persoas e entidades, non sempre visibilizadas, cuxo traballo, activismo ou compromiso se aliña cos valores que defendemos dende Petapau. Presentamos así este listado de doce persoas ou colectivos, coa esperanza de reflectir —con honestidade e respecto— a pluralidade que nos conforma como humanos.

Andrea Nunes Brións (Marín, Galicia)
Profesora, poeta e escritora feminista cunha sólida traxectoria no eido académico, literario e social. A súa obra, escrita fundamentalmente en galego, está atravesada por unha conciencia crítica e transformadora: feminista, ecoloxista e anticapitalista.
Comprometida co activismo LGBTIQA+ e coa defensa da lingua como ferramenta de loita, Andrea non é só autora: é unha voz crítica e radicalmente viva, que impugna o conformismo e nos obriga a mirar doutra maneira.
Instagram: @andrea_nunes_brions

Asociación Nós Mesmas (Vigo, Galicia)
Acaban de cumprir 17 anos de traballo constante loitando polos dereitos das mulleres LBTIQA+, persoas trans e non binarias, con especial atención ao contexto galego.
Ofrecen acompañamento, asesoría, formación e activismo político dende unha perspectiva interseccional e transformadora. O seu labor é tan coherente como necesario: recordan que o compromiso social non é un xesto, senón unha práctica colectiva e radicalmente viva.
Instagram: @asociacion_nosmesmas

Athenkosi Kwinana (Johannesburgo, Sudáfrica)
Artista visual que reimaxina a representación do albinismo nas comunidades negras de Sudáfrica. O seu traballo —centrado no debuxo e o gravado— actúa como acto de restitución e resistencia fronte á exclusión, o estigma e a violencia.
Kwinana emprega o autorretrato a modo de icono visual, reivindicando a dignidade do albinismo a través da súa naturalización. A súa obra, presente e combativa, transforma a expresión persoal nun acto colectivo e político que crea conciencia sobre cuestións tan importantes nos nosos días como son a discriminación, o racismo e o xuízo corporal.
Instagram: @kwinanaaaa
Daiara Tukano (São Paulo, Brasil)
Artista e activista do pobo Yepá Mahsã que combina arte, pensamento político e defensa dos dereitos fundamentais dos indíxenas. A súa obra pictórica bebe das tradicións espirituais da súa comunidade fuxindo do folclore e abre reflexións sobre o territorio, o corpo e a memoria.
Como comunicadora, denuncia a destrución da Amazonía e a violencia colonial desde unha mirada insubmisa e soberana. A súa pegada representa unha resistencia profundamente política e poética.
Instagram: @daiaratukano
A súa web

Indigenous Seed Keepers Network (América do Norte)
Rede comunitaria que defende a soberanía alimentaria indíxena mediante a protección de sementes autóctonas tradicionais. Non se trata soamente dun proxecto agrícola: é unha forma de resistencia cultural e espiritual fronte ao colonialismo e á industrialización.
Recuperar sementes é recuperar linguas, prácticas e vínculos. O seu traballo ensina que non hai futuro xusto sen memoria viva.
A súa web
Mahsa Merci (Teherán, Irán / Toronto, Canadá)
Artista queer multidisciplinar de orixe iraní en exilio. O seu traballo, centrado no autorretrato, desafía xéneros, relixións e normas identitarias. Con beleza e incomodidade, aborda temas como o desexo, a identidade, a censura e o exilio.
A súa obra, incómoda, disidente e comprometida, é campo de batalla simbólico onde expresión artística e política se funden.
Instagram: @mahsa.merci
Michael Gah (Accra, Ghana)
Artista que emprega tecidos tradicionais africanos e materiais de desfeito para crear obras que combinan memoria, denuncia ambiental e crítica ao sistema económico global.
Cada peza conecta o local co global e convida a repensar o consumo, a invisibilización e a explotación cultural. A súa arte é, á vez, celebración e protesta.
Instagram: @gahmichael
Ne Spoon (Varsovia, Polonia)
Artista urbana que transforma o encaixe tradicional en ferramenta de intervención política no espazo público.
A través do uso destes motivos, aplicados tanto en murais, pinturas como cerámica, alude ás formas simétricas presentes en inumerables elementos naturais como son as flores. Os encaixes, ademáis, están históricamente relacionados ao contexto do fogar, e máis concretamente, ás labores artesanais que as mulleres de numerosos lugares do mundo, sobre todo do rural, realizaron ao longo dos séculos. Coa súa arte, Spoon busca dignificar estes saberes femininos invisibilizados, desafiando outros conceptos máis amplos como a privatización da cidade e a súa homoxeneización visual, cunha técnica delicadísima que invita a un meirande recollemento no espectador.
Instagram: @nes.nespoon
A súa páxina web

NüshuRescue (China)
Proxecto dedicado á recuperación do nüshu, sistema de escritura silábico creado polas mulleres Yao na China rural para expresárense en segredo durante séculos. Este permitía, nun contexto de grande represión patriarcal, unha vía de comunicación exclusiva entre mulleres na que contar os seus pesares ou incluso escribir cancións, constituíndo un potente acto de sororidade.
Dende NüshuRescue promoven obradoiros, traducións e accións públicas que tratan de manter vivo este patrimonio cultural inmaterial. Valorizar o nüshu é recoñecer unha forma de resistencia silenciosa, creativa e profundamente radical.

PDRA (Vilagarcía de Arousa, Galicia)
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa loita pola protección dun ecosistema vital fronte á contaminación e á especulación industrial.
O seu activismo é tamén un exercicio de democracia directa e memoria colectiva. Lembran que defender o territorio é cuestionar o poder e colocar a vida no centro.
Este parece bo momento para berrar: Altri non!
Instagram: @pdrarousa
Radio Alhara (Belén, Palestina)
Emisora comunitaria que funciona como espazo de resistencia cultural, denuncia anticolonial e memoria viva do pobo palestino.
Nun contexto de represión extrema, a súa voz libre é un acto político. A radio articula solidariedade e acción colectiva e demostra que comunicar tamén é resistir.
Instagram: @radioalhara
A súa páxina web
Xeito Fole (Lugo, Galicia)
É un artista visual transfeminista que traballa no cruzamento entre arte, tecnoloxía e política. Na súa práctica artística –performance, vídeo, net art, intervención social, web– cuestiona as identidades sexo-xénero hexemónicas, os límites do corpo e as fronteiras simbólicas e políticas.
Non busca integrarse senón desbordar o convencional, dando voz ás marxes: disidencia sexual, precariedade, exclusión institucional…
A súa obra non é só visibilización, senón desafío — e iso, para nós, é razón abonda para recoñecelo.
Instagram: @nontenxeito
A súa páxina web

Xeito Fole no espazo expositivo de Encanteris i dissidències
(Centre LGTBI+ de Barcelona, foto de Julia Pardo)
