8 de maio: Vitoria ou hipocrisía?
Julien Courcier Cortegoso

Izando unha bandeira sobre o Reichstag, 1945, Yevgeny Khaldei
Este oito de maio cúmprense oitenta anos do fin da segunda guerra mundial. No Reino Unido xa se fala de festexar a vitoria sobre os nazis por todo o alto ata o punto de que o primeiro ministro anunciou que os pubs que normalmente pechan ás once da noite poderán facelo á unha da mañá.
Hipócritas.
Como se pode honrar a todas as vítimas e a toda a valente resistencia antifascista mentres se permite ーe mesmo facilitaー un xenocidio televisado contra o pobo palestino? Que sentido ten?
Non se trata de esquecer ou ignorar a heroicidade da resistencia, nin a morte de millóns por mor da súa ideoloxía, a súa orientación sexual, a súa etnia ou ーen definitivaー a súa diversidade. Por suposto que conmemoramos a vitoria sobre os asasinos fascistas. Debemos honrar a memoria e debemos honrar o sacrificio de toda esa xente. Mais precisamente por isto: Non é unha fonda ofensa á súa lembranza que os aliados que loitaron contra estes tiranos sexan agora cómplices dunha limpeza étnica?
A segunda guerra mundial non só deixou Europa en ruínas. Entre as súas consecuencias directas estivo a creación do Estado de Israel, en 1948, impulsada pola simpatía internacional cara aos sobreviventes do Holocausto, mais tamén pola vontade das potencias occidentais de controlar estratexicamente o Oriente Medio. Aquel fogar nacional xudeu fundouse sobre unha profunda inxustiza: a expulsión forzada de máis de 700.000 palestinos, a destrución de máis de 400 aldeas e a instauración dun réxime de exclusión e violencia que perdura até o día de hoxe.
A mesma guerra que derrotou o fascismo europeo abriu a porta a novas formas de dominación e colonialismo.
A reconstrución de Europa tras a guerra non foi, como se adoita presentar, un xesto altruísta de solidariedade entre pobos irmáns. O Plan Marshall, aprobado en 1948, serviu para insuflar capital estadounidense nas economías europeas devastadas, si, mais tamén para frear a expansión das ideoloxías socialistas e conter a influencia crecente da Unión Soviética. Non foi a paz polo ben común: foi a paz como campo de batalla económico e ideolóxico.
Esta intención explícita foi recoñecida no documento clasificado como NSC-68, elaborado polo Consello de Seguridade Nacional dos EUA en 1950 e desclasificado en 1975. Nel, recoñecíase abertamente que "a supervivencia do mundo libre" esixía non só conter militarmente a URSS, senón tamén expandir os mercados capitalistas baixo a influencia de Washington (National Security Council Report 68, 1950).
Non podemos esquecer que a intervención estadounidense na Segunda Guerra Mundial chegou tarde, cando o Eixo xa estaba acorralado. O desembarco de Normandía en 1944 non foi o acto decisivo que a propaganda occidental nos fixo crer: a verdadeira columna vertebral da vitoria foron os sacrificios brutais da Unión Soviética, que soportou máis do 80% das perdas aliadas, a resistencia clandestina en Francia, Italia, Iugoslavia e o aguante desesperado do Reino Unido durante os anos máis escuros.
Mesmo rematada a guerra, os Estados Unidos non dubidaron en protexer e empregar a científicos membros do réxime nazi a través de operacións secretas como a operación “Paperclip" coa finalidade de potenciar o seu dominio tecnolóxico e militar fronte á URSS. Calquera pode consultalo na propia páxina da CIA onde hai artigos do Washington Post como ‘Paperclip’: Some Nazis’ Ticket to U.S. de 1979.
Paradoxalmente, foron os Estados Unidos quen saíron da guerra como os grandes vencedores morais e económicos. E, dende entón, Europa atouse ao seu carro. Un carro que, en 1948, respaldou sen reservas a creación dun Estado israelí sobre a destrución do pobo palestino.
O apoio de Washington á creación de Israel non foi simplemente unha resposta humanitaria ao Holocausto. A análise dos memorandos recollidos no volume V de Foreign Relations of the United States: The Near East and Africa (1947) amosa que, tanto para británicos coma para estadounidenses, a estabilidade do Oriente Medio era unha prioridade estratéxica, especialmente pola súa importancia xeopolítica e enerxética.
Aínda que os documentos non fan referencia directa á fundación do Estado de Israel como unha estratexia de control, si revelan unha preocupación constante por asegurar aliados firmes na rexión e por evitar a expansión da influencia soviética. Neste contexto, o apoio á futura entidade xudía encaixaba nos obxectivos de garantir a presenza occidental nunha zona clave para os intereses estadounidenses.
Neste 2025, Gaza é un cemiterio ao descuberto. Segundo datos das Nacións Unidas e da Organización Mundial da Saúde, dende outubro de 2023, máis de 38.000 palestinos foron asasinados, dos cales máis do 60% eran mulleres e nenos. Máis de 70% das infraestruturas civís —hospitais, escolas, refuxios— foron destruídas. A crise humanitaria é tal que o 95% da poboación carece de acceso seguro á auga potable.
Fronte a esta devastación, a resposta de Occidente foi o silencio, o bloqueo diplomático das propostas de alto o fogo na ONU e, en moitos casos, o reforzo do apoio militar a Israel. Os Estados Unidos enviaron novos paquetes de armas valorados en miles de millóns de dólares, mentres a Unión Europea mantén acordos comerciais e políticos que lexitiman un réxime cada vez máis acusado de crimes de guerra polos relatores das Nacións Unidas.
O aplauso cobarde ou o silencio cómplice non son novos. Son a continuidade lóxica dun sistema construído para perpetuar os intereses dun bloque que sempre priorizou o poder económico e estratéxico fronte á xustiza e á dignidade humana.
O 8 de maio brindarán en Londres, París e Washington. Brindarán pola vitoria sobre o fascismo mentres financian e xustifican a súa reencarnación.
A pregunta que debemos facernos non é se a historia se repite. A pregunta verdadeira é: Estamos dispostos a seguir celebrando a vitoria sobre o mal mentres escollemos, por conveniencia, ser os seus novos cómplices?