Greta Pérez Cobas
A beleza de sentir
Cando era pequena non choraba. Pensaba que chorar era de bebés, de débiles, de frouxos. Ás veces entrábanme as ganas e aguantaba. Tragaba as bágoas ata que quedaban dentro. Orgullosa de non chorar. Pero supoño que chegou un momento no que quedei sen espazo e comenzaron a saír. Unha vez abrín a billa nunca máis se pechou. Agora choro casi todos os días, choro polo bo e choro polo malo. Choro polas alegrías e choro polas inxustizas. Choro coas pelis e cos libros ou cando estou diante de algo moi fermoso. Unha vez chorei máis de media hora vendo A tumba dos vagalumes, pero chorei de verdade, desto que quedas sen respiración…
A maioría da xente incomódalle verme chorar. Vivimos nunha sociedade á que non lle gustan as bágoas. Por exemplo, este veran entrevistei a miña avoa, sobre a sua vida, sobre os seus pais, sobre o día da súa voda… foi un momento moi fermoso e comecei a chorar. Miña avoa dixo que non tiña que chorar e eu díxenlle que si, que choraba de amor. No funeral do meu avó, na derradeira despedida, dixen unhas palabras e todo o mundo rompeu a chorar. Miña avoa mantívose erguida e dixo que xa abondaba de tanto drama.
Durante moito tempo fun como ela. Mesmo cheguei a pensar que estaba maldita, que a miña extrema sensibilidade acabaría por volverme tola. Vivir o alleo como propio asusta aos demais… e tamén me asusta a min. O papa Francisco dixo unha vez, ao ser preguntado pola valla de Melilla: “El mundo se olvidó de llorar, esto es inhumano”. Quizais viviríamos nun mundo mellor se a xente chorase máis, se sentise máis.
Hai anos un amigo díxome que a empatia é un don e que a sensibilidade é a miña maior virtude. Pero éo realmente nun mundo de guerra, morte e pena? Hai dias que cargo sobre os meus ombros a pena do mundo, e remata por me afundir. Outras veces resplandezo de ledicia despois dun simple baño na praia… Supoño que todo é cuestión de equilibrio.
Oxalá vivir nun mundo máis equilibrado. Porque o desequilibrado é o mundo, non son eu. Estou cansa de facer malabarismos para poder vivir chorando máis de alegría que de pena. Porque ao de chorar xa lle collin o gusto e non penso deixar de facelo.