María Lago Bernárdez

Francesca Woodman

3 de abril de 1958 - 19 de xaneiro de 1981

Self-Portrait at 13. Francesca Woodman, 1972

Francesca Stern Woodman naceu o 3 de abril de 1958 en Denver, Colorado (Estados Unidos), nunha familia adicada ao mundo artístico. Aínda que a súa primeira infancia se desenvolve no país norteamericano, entre 1965 e 1966, os Woodman establécense en Italia, preto de Florencia, converténdose este nun período que marcará de xeito directo a vida de Francesca. Posteriormente volverá á Toscana todos os veráns, onde mercan unha granxa. Italia serve de fonte de inspiración para toda a familia coas súas paisaxes, museos e arquitecturas, e será alí onde a pequena de dous irmáns inicie as súas andaduras no debuxo.

 

En 1972, mentres estuda no internado de Abbott Academy, Massachusetts, Francesca achégase por primeira vez á fotografía, da que queda profundamente prendida. A partir dese momento converterase no seu medio de expresión preferido e xa non deixará a súa cámara ao longo de toda a súa produción creativa. Ese mesmo ano, con trece de idade,  realiza o seu primeiro autorretrato, que xa deixa entrever a súa liña estética e a forza que cobrará a figura nas súas instantáneas. 

 

En 1975 comeza a estudar na Rhode Island School of Design (RISD), onde desfruta dunha bolsa na súa querida Italia, esta vez en Roma, experiencia profundamente inspiradora de novo para a súa obra. Nese contexto relaciónase con novas voces do panorama artístico e literario e realiza a súa primeira exposición individual, así como outras colectivas. O seu último ano de estudos volve aos Estados Unidos, desta quenda a New York, onde vivirá ata a súa morte temperá en 1981. 

Mediante a experimentación da propia técnica fotográfica e o uso do seu corpo como obxecto principal das súas imaxes, Woodman cuestiona de xeito radical o papel da figura feminina baixo a mirada da cámara, resignificándoo. É ela quen decide como suxeito onde colocar o obxectivo, que partes mostrar e dende que perspectiva a observamos. Os xogos de luces e sombras, a composición de elementos e o uso de reflexos e movemento reflicten un estilo etéreo e misterioso, enchendo o espazo de texturas e complexidade.  

 

A temática das súas fotografías con pinceladas surrealistas e o uso de iconografía simbolista como poden ser as cunchas e as flores recordan á pintura de Maruja Mallo e á fotografía de Man Ray, así como a performers coetáneas da talle de Ana Mendienta, Yoko Ono ou Marina Abramovic, pertencentes a un grande grupo de mulleres artistas que empregan o corpo na súa obra como medio de expresión principal.

 

Se queredes coñecer máis sobre a produción artística de Francesca Woodman, animámosvos a pesquisar na rede, en revistas ou en libros especializados. Agardámosvos no artigo de Mulleres na Sombra do mes que ven! 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.