Julien Courcier Cortegoso

Junko Tabei

22 de setembro de 1939 - 20 de outubro de 2016

Nada en Miharu, unha vila da prefectura de Fukushima, no Xapón rural da posguerra, Junko Tabei medrou nun país devastado e cunha sociedade profundamente conservadora. Nun contexto así, a súa paixón pola montaña emerxeu case como unha provocación. Tiña só dez anos cando ascendeu por primeira vez ao monte Nasu co seu profesor de escola, nunha excursión escolar que cambiaría a súa vida para sempre. Aquel cumio foi o comezo dunha obsesión.


De familia humilde, Junko estudou literatura inglesa na Universidade para Mulleres de Showa, en Toquio, onde tamén participou activamente no club de montaña. Porén, mesmo nese espazo teoricamente progresista, as ideas sobre o papel da muller seguían a ser limitantes. Moitos dos seus compañeiros masculinos negábanse a escalar con ela. Algúns incluso insinuaban que o seu interese pola montaña era só pola procura de marido. Junko non lles fixo caso.

 

En 1969 decidiu tomar a iniciativa: fundou o Club de Alpinismo Feminino de Xapón, un dos primeiros do país. O lema era claro: “Let’s go on an overseas expedition by ourselves” (Vaiamos nunha expedición ao estranxeiro por nós mesmas). Co paso dos anos, o club converteuse nun espazo de liberdade e autoorganización para moitas mulleres montañeiras que, coma ela, querían vivir a montaña sen tutelas.

 

Junko Tabei en 1985

 

En 1975, o club organizou unha expedición ao Everest formada integramente por mulleres. Conseguir financiamento foi un reto titánico. A meirande parte das veces o único que recibiron foron respostas machistas sobre o feito de que as mulleres “deberían estar criando nenos". Aínda cando atoparon algún patrocinador precisaron aforrar o máximo posible: empregaron fundas de automóbil recicladas para facer bolsas e luvas impermeables e mercaron plumas de ganso para coser os seus propios sacos de durmir. Non houbo grandes marcas nin luxos detrás: só esforzo, teimosía e resistencia.


A principios de maio, durante a ascensión, foron sorprendidas por unha avalancha que sepultou o seu campamento. Junko quedou inconsciente durante uns minutos, atrapada na neve, e foi rescatada polo seu guía sherpa, Ang Tsering, cunha rapidez que lle salvou a vida. Puido abandonar, pero non o fixo. Doce días despois, o 16 de maio de 1975, xunto con Ang Tsering, convertíase na primeira muller do mundo en acadar o cumio do Everest. Tiña 35 anos.


A expedición foi organizada e levada a cabo integramente por mulleres, un feito insólito na época. Malia que só Tabei chegou ao cumio, a súa ascensión foi posible grazas ao esforzo colectivo do equipo: mulleres que se apoiaron, que cargaron, organizaron e loitaron contra un sistema que lles negaba financiamento e recoñecemento. O éxito de Tabei foi tamén o éxito dunha rede de sororidade e autoxestión.


Nos anos seguintes, Junko Tabei dedicouse a escalar os cumios máis altos de cada continente, un reto coñecido como os Sete Cumios (Seven Summits). Importa subliñar que existen dúas versións principais desta lista: unha inclúe o Monte Kosciuszko (Australia) e outra, a máis esixente fisicamente, a Pirámide de Carstensz (Nova Guinea, Indonesia), situada en Oceanía. Tabei optou por esta última variante, coñecida como a lista de Messner. O desafío inclúe:

  • Everest (Asia)
  • Aconcagua (América do Sur)
  • Denali, antes McKinley (América do Norte)
  • Kilimanjaro (África)
  • Elbrús (Europa)
  • Vinson (Antártida)
  • Pirámide de Carstensz (Oceanía)

En 1992 converteuse na primeira muller en completar os Sete Cumios, outro fito histórico que lle levou case dúas décadas.


Malia a fama que foi gañando nos círculos internacionais do alpinismo, nunca buscou protagonismo. De feito, afirmaba con frecuencia que non tiña interese en ser a “primeira” en nada: o seu obxectivo sempre fora simplemente subir montañas. A súa relación coa natureza era íntima, física, espiritual. Nos seus últimos anos dedicouse á conservación ambiental e á educación, promovendo proxectos para limpar os camiños do Everest e investigar os efectos do turismo masivo nos ecosistemas de alta montaña.


Foi diagnosticada de cancro en 2012, pero seguiu escalando durante varios anos máis. Faleceu en 2016, aos 77 anos, deixando atrás un legado que vai máis alá das cifras e dos cumios.


Junko Tabei foi unha pioneira silenciosa. Desafiou o patriarcado simplemente abrindo camiños onde antes só había portas pechadas. Foi unha muller que entrou nun territorio vedado e demostrou que non había razón para que o fose. A súa presenza nas alturas abriu un camiño que xa non se puido pechar.          
 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.