Julien Courcier Cortegoso

Ynés Enriquetta Julietta Mexía 

24 de maio de 1870 – 12 de xullo de 1938

Nada en Washington D.C., filla dun diplomático mexicano e dunha muller estadounidense. A súa vida foi de todo menos convencional: cruzou fronteiras culturais, sociais e xeográficas, e fíxoo nun tempo no que as mulleres —e aínda menos as mulleres latinas— apenas tiñan acceso ao coñecemento e ao recoñecemento no mundo da ciencia. Porén, Ynes Mexía acabou converténdose nunha das maiores recolectoras de plantas da historia americana.


Criada entre Estados Unidos e México, a súa infancia estivo marcada pola mobilidade, a mestizaxe cultural e o desarraigamento. Durante anos tentou acomodarse ás normas impostas: casou, mudouse a Texas, viviu crises emocionais e físicas que a afastaron da vida pública... Pero sería xa de adulta, con máis de cincuenta anos, cando decidiu rachar co que se esperaba dela e comezar de novo.


En 1921, trasladouse a California e matriculouse como estudante especial na Universidade de Berkeley, interesándose pola botánica. A súa paixón por entender e clasificar a flora foi medrando ata converterse nunha verdadeira vocación científica. Aos 55 anos realizou a súa primeira expedición, participando nunha viaxe a Sinaloa (México) organizada pola Universidade de Stanford e, dende entón, non parou.

 

Nos trece anos seguintes percorreu gran parte do continente americano: Alaska, México, América Central, os Andes, o Amazonas... A pé, en canoa, en mula ou como fixese falta. En condicións extremas e a miúdo en solitario, logrou recoller entre 145.000 e 150.000 mostras botánicas, moitas delas pertencentes a especies descoñecidas ata entón.


Descubriu máis de 500 especies novas, e polo menos dous xéneros levan o seu nome: Mexianthus e Spumula. O seu traballo foi fundamental para os herbarios da Universidade de Berkeley, do Smithsonian Institution, da California Academy of Sciences e doutras grandes institucións científicas, que hoxe conservan o seu legado.


A pesar de non ter unha formación académica tradicional nin un posto universitario fixo, Mexía foi aceptada e respectada pola comunidade botánica. Membro activo da California Botanical Society, participou en publicacións científicas e mantivo correspondencia con especialistas da súa época. A súa capacidade para identificar e clasificar especies, así como para navegar territorios remotos, fixérona única no seu campo.


En 1938, mentres realizaba unha nova expedición nas montañas de Oaxaca (México), enfermou gravemente. Volveu a California e pouco despois faleceu, o 12 de xullo de 1938, na cidade de Berkeley. Tiña 68 anos.


A figura de Ynes Mexía representa moito máis ca unha científica destacada. A súa historia fala de transformación persoal, de valentía fronte ás normas sociais e de entrega absoluta ao coñecemento. Nun mundo no que se presumía que o saber era patrimonio dos homes e da elite académica, ela demostrou que se podía facer ciencia dende a experiencia, o rigor e a paixón.


Hoxe, o seu nome comeza a ser recuperado pola historia. O seu legado —plantas clasificadas, especies nomeadas, rexistros de campo detallados— segue vivo nos herbarios e nos arquivos científicos. Pero tamén nas vidas de quen, coma ela, se atreven a mudar de rumbo e abrir camiños.  

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.