María Lago Bernárdez
Raquel Alonso Rodríguez
Julien Courcier Cortegoso
Cadáver exquisito Nº1
Con esta primeira entrega damos inicio a esta nova sección literaria de Petapau, dedicada á experimentación e á creación compartida. O texto que segue a continuación é un cadáver exquisito, unha técnica de escritura colectiva nacida nas vangardas e moi especialmente cultivada polos surrealistas.
O principio é sinxelo: unha persoa escribe unha parte do texto e ocúltaa parcialmente de forma que quen a continúa só coñece a segunda oración que a anterior escribiu. O resultado adoita ser fragmentado, raro, inesperado e, algunhas veces, case máxico.
Neste caso concreto, María, Raquel e Julien deron forma a un relato que transita entre a natureza e a beleza efémera a través dunha íntima viaxe.
Benvidas e benvidos a este espazo onde o absurdo, o poético e o inesperado sempre serán ben recibidos.
Os últimos raios de sol ocultábanse tras as illas Cíes. Remataba outro día de primavera.
Ao lonxe, escoitábase o son do que semellaba ser un petapau. Nunca atisbaron a velo, pero
intuían que estaba nun grupo de carballos ao lado dun río. Encamiñáronse alí decididos.
Ao chegar, non viron o petapau pero había outra cousa que lles chamou a atención. Había unha luz no río.
A luz tremía, medraba, encollía… era dunha cor branca coma a dunha estrela. E de súpeto saíu a reunirse con elas.
Pero elas non a querían porque non era nin tan fermosa, nin tan delicada como eran elas todas.
As bolboretas caracterizábanse por ser fráxiles coma o cristal e as súas ás movíanse suavemente co vento.
Lémbrome que cando era pequena as admiraba moito. Parecíanme burbullas conxeladas no tempo.
Así que decidín coller unha, pero cando os meus dedos a tocaron, desapareceu.
Foi algo moi estraño que me produciu unha profunda sensación de tristeza.
Desa tristeza que nace na boca do estómago e medra polo peito botando unhas húmidas e escuras raíces.
Raíces das que tamén poden abrollar ternos brotes e flores cheas de cor e ledicia e lume.
Un lume ben cheo de furia e valor. Un lume no que arda ben todo o indesexable.
Aquela era a primeira vez na que por fin se albiscaba algo de claridade.
Por fin podía ver todo de novo e iso permitiríame voltar a casa.
Polo que decidín emprender o camiño de volta, sabendo que agora todo estaría ben.
Pois non hai maior seguridade que a do camiño coñecido… especialmente cando estás ben acompañada.