Raquel Alonso Rodríguez
Crónicas da natureza
A fenoloxía é a ciencia que estudia a relación entre os factores climáticos e os ciclos dos seres vivos e estúdase, de entre outros xeitos, a través dos cambios que se poden apreciar na natureza co paso das estacións. Algúns exemplos moi claros de sinais fenolóxicas son os avistamentos das aves migratorias ou a floración das árbores.
Nesta sección, chamada Crónicas da Natureza, destacaranse eses cambios que van sucedendo a longo dun mes coas nosas observacións persoais. Ademais completaranse con outras observacións relevantes, aínda que non teñan que ver necesariamente con factores climáticos ou ciclos.
Ti tamén podes participar
Se queres contribuir a esta seccion coas túas observacións persoais, podes facelo a través do noso correo electrónico naturezapetapau@gmail.com. Envíanos as observacións que fagas, poden ser durante unha saída de campo ou fortuitas, se tes foto para ilustrar a túa observación mellor, pero non é imprescindible. Descríbenos que é o que viches (unha planta, animal, cogomelo...), algún cambio (caída de follas, flores...) ou calquera outra cousa que consideres interesante. Se podes, envía a zona na que realizaches a observación, o tempo que facía, a hora, e o mais importante, o día. Incluiremos as túas observacións na seguinte publicación baixo o nome que ti queiras.
Esperamos as vosas observacións!
Vol II
Pasamos xa o mes de novembro, os días seguen a ser cada vez máis curtos e os sinais de que estamos no outono son evidentes. Moitas árbores xa teñen todas as súas follas de cor castaña ou xa lle caeron boa parte.
O cambio climático segue a deixarnos con sensacións estrañas. Os días de chuvia, sol ou todo á vez son habituais no outono, grazas ao cal hai un repunte na exuberancia da vexetación. Pero as altas temperaturas que experimentamos nesta primeira metade do outono resultáronnos alleas en xeral, sentíndose máis baixas só nas últimas semanas. Parece que a chuvia volveu coa súa forza e insistencia máis ou menos habitual.
Día 5 de novembro
Un xabaril albiscado ao borde da estrada, adentrándose no monte por un camiño cheo de castiñeiros. Eran sobre as oito da tarde, xa noite, e chovía tanto que o único que debía de andar pensando o xabaril era en chegar ao seu cocho, igual que todas as criaturas que andabamos por aí.
Día 12 de novembro
Contra as sete e media da tarde tivemos a sorte de ver una píntega, que a piques estivemos de pisar. Era enorme, pero non se deixou fotografar, cando voltamos cunha lanterna xa debía estar agochada entre as pedras.
Pola súa historia maldita dedicámoslle tamén a píntega e outros anfibios e réptiles un artigo neste número.

NOV
DEC
2025
Galería de imaxes do Vol. 2 de Crónicas da Natureza
Nestas fotografías observamos como dependendo do tipo de árbore podemos atopar diferentes cores nas follas ou mesmo xa caeron todas ao chan.



