De píntegas, sapos, serpes e outros marxinados
Raquel Alonso Rodríguez
A píntega ten a súa pel recuberta dunha toxina que fai que se a tocas moito che pique algo a pel. O único que hai que facer para evitar isto e manipulala o menor tempo posible e só se é imprescindible, por exemplo para rescatala de morrer atropelada. Porque a realidade é que o máximo que che pode pasar é un proído, non obstante, a píntega foi e segue a ser vítima da crenza popular de que é moi velenosa e pode ser perigosa para as persoas.
De feito, as crenzas non quedan aí, xa que os remedios tradicionais propostos para que che deixe de picar a pel pasan por unha serie de sacrificios ritualísticos das pobres píntegas. Dende queimalas e estender as cinsas pola zona afectada, ata espichalas cun pau.
Actualmente non se acostuma a crer tanto nestes remedios , pero iso non impide que se sigan matando con crueldade, por descoñecemento e, desgraciadamente, pola súa indefensión.
As píntegas non son as únicas vítimas de crenzas sobredimensionadas da súa capacidade de ataque. En xeral anfibios e réptiles son constantemente temidos e sofren a violencia dos humanos, xa que, polo que contan, sapos e píntegas botan o aire extremadamente velenoso e serpes e lagartos, cando morden, parecera que son capaces de arrincarlle o brazo a un.
Desgraciadamente atoparse cun humano non é o único problema que teñen estes animaliños. A sombra dos humanos e moi alongada e chégalles en forma de coches que os atropelan ou de contaminación dos seus hábitats. Todo isto déixanos un dos datos máis tristes da súa historia maldita: o 21% das especies de réptiles e o 41% das especies de anfibios están en perigo de extinción, convertendo a este último grupo no máis ameazado pola extinción de todos os grupos de animais.
É habitual escoitar a xente mais maior falar de como antes sentían as ras nas pozas e regatos nos que agora xa non se escoita nada. Pois ben, aínda que afortunadamente si que se recuperaron algúns hábitats, o certo é que as accións teñen consecuencias. Neste caso é atoparnos cunha natureza cada vez máis silenciosa, apagada e baleirada.
A continuación, presentamos algunhas das especies de anfibios e réptiles que merecen máis respecto. Son fermosas, interesantes e inofensivas.

Saramaganta (Salamandra Salamandra)
Fermosa cor negra con pintas amarelas, a nosa subespecie galega ten tamén pode ter pintas de cor avermellada. Gústalle saír nas noites frías e húmidas, coidado con pisala na escuridade! Aínda que é un anfibio os seus hábitos son terrestres, pero necesita ter a pel sempre húmida para poder respirar a través delas. Cando as temperaturas baixan moito comeza o seu letargo invernal.
Outros nomes recollidos: píntega, salamántiga, pintarraga, zampexa….

Sapo (Bufo bufo)
Quizais unha das especies de anfibios mais coñecidas, e non é de extrañar, xa que é un dos anfibios mais comúns de Europa e distribúese ao longo de case todo o continente. Actívase pola noite, sobretodo nos días de chuvia e de día volve a súa casiña, que pode ser un burato que escavou ou debaixo dunha pedra. É habitual que o seu agocho sexa o mesmo durante meses.
Outros nomes recollidos: sapo cunqueiro

Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi)
Este lagarto con fermosas cores azuis na cabeza é unha especie endémica da Península Ibérica. Como a todos os lagartos encántalle tomar o sol nas pedras, polo que o seu período de actividade é durante o día. Habita bosques húmidos, con carballos, bidueiros ou salgueiros, e debido a que este tipo de bosques son cada vez mais reducidos, o seu estado de conservación é de case ameazado.
Outros nomes: lagarto ferreño, lagarto de cabeza azul.

Cobra de escada (Zamenis scalaris)
Inconfundible grazas ao debuxo dunha escada que percorre o seu lombo. Está activa durante o día, aínda que nos meses de verán, se aperta muito o sol prefire as horas mais frescas da mañanciña ou as do serán. Cando comeza o frío retírase a súa guarida para pasar o inverno en modo letargo.
É completamente inofensiva, se che mordera non che faría nin unha rabuñadura. Os seus dentiños minúsculos solo son mortais para ratos e outras presas de tamaño similar. Avistar esta cobra polos arredores da casa pode facer que non aparezan ratos dentro, así que non lle fagas dano.
