Julien Courcier Cortegoso
Entre o ruído e o rigor
Vivo no mundo das ideas. Non o teño por defecto pero tampouco se pode considerar virtude. É unha cuestión de atención e cognición. A miúdo esquezo esta faceta miña —e grazas aos deuses teño quen mo recorde—.
Recentemente, falando con Raquel —nunha conversa na que se lembrou esa tendencia intuitiva miña— chegamos á conclusión de que a nosa conexión co mundo e coa actualidade era, sendo xenerosos, bastante feble. Con independencia das preferencias individuais de cada quen, estar minimamente conectado co que acontece non é algo negativo. Máis ben ao contrario. Así que decidín facer algo ao respecto.
Non sería a primeira vez que enfrento esta cuestión. Hai tempo que cansei de procurar periódicos concretos cos que manterme ao día. Non porque non crea que haxa que ler diferentes medios —de feito, ler unicamente un adoita encerrarte nun nicho que pode sesgar, en maior ou menor medida, a túa visión da realidade—, senón polo esforzo constante de filtrado. Fatígame ter que bucear entre artigos para atopar algo que realmente me interese. E aínda máis descubrir, a medida que leo, que aquela lectura prometedora acaba derivando nun titular inflado, nun enfoque simplificador ou nunha narrativa que prescinde alegremente do contexto e da evidencia.
O que busco tampouco é tan exótico: rigor, profundidade, fontes, datos. Liberarme do sensacionalismo e desa obsesión por atopar “a causa definitiva” de todo. Quero textos que asuman que o mundo é complexo e que as explicacións sinxelas adoitan ser sospeitosas.
Non me gusta o fútbol. Hai moitos outros deportes que tampouco me interesan o máis mínimo. Porén, si desfruto de artigos deportivos cando achegan algo máis: unha análise social, económica ou cultural que amplíe a mirada. O problema é que para atopalos teño que atravesar páxinas e páxinas de resultados e clasificacións que me son absolutamente indiferentes.
Pasa o mesmo con outras temáticas. Gústame a arqueoloxía, a historia, a ciencia… pero iso non significa que todo o que leve esa etiqueta me resulte interesante. Os cambios na salubridade das augas dunhas termas coa chegada dos romanos? Sí, claro. Interesantísimo. O artigo sensacionalista sobre “a verdadeira causa da caída do Imperio Romano”? Non, grazas.
E non porque o tema non sexa fascinante, senón porque está máis que traballado. A historiografía leva décadas explicando que a caída do Imperio non se debeu a unha única causa máxica, senón a un conxunto complexo de factores políticos, económicos, militares e culturais. Cando alguén aparece prometendo revelar por fin o motivo definitivo, normalmente o que hai é simplificación para chamar a atención.
Así que volvemos á pregunta: que podo facer eu?
Recentemente atopei unha posible solución nas RSS. Sen entrar en tecnicismos: son un sistema que che permite reunir nun mesmo lugar as actualizacións das publicacións que ti escolles. En vez de visitar cada medio por separado, constrúes unha especie de xornal propio a partir das fontes que consideras fiables.
No meu caso estiven probando Newsblur. Permite non só agrupar fontes, senón tamén indicar que palabras, autores ou temas che interesan máis ou menos. Canto máis o empregas, máis se adapta a ti. E iso, precisamente, é a parte interesante… e tamén a parte perigosa.
Porque canto máis personalizado é o feed, maior pode ser tamén a túa zona de confort. Se todo está optimizado segundo os teus intereses previos, corres o risco de reforzar os teus propios sesgos. A miña intención non é illarme do que me incomoda, senón do que considero intelectualmente pobre. Non filtrar por ideoloxía, senón por estándares: evidencia, pluralidade, profundidade. Pero a liña é fina e convén telo presente.
Alguén podería dicir: e por que non Google News? Tamén che permite indicar o que che interesa ou non. É certo. A vez que o probei e lle sinalei que non quería ver publicacións de determinado medio, desapareceu do feed. Funciona. Quizais haxa tamén unha manía miña cara á compañía, non o nego. Pero a miña reticencia vai un pouco máis alá: os algoritmos tenden a favorecer medios con maior alcance e volume, e iso pode facer que publicacións máis pequenas —e ás veces máis rigorosas— queden diluídas. Ademais, existe sempre o risco de que a personalización derive nunha burbulla excesivamente homoxénea. Non digo que sexa inevitable, pero é unha dinámica posible.
En definitiva, o problema non é a falta de información, senón o seu exceso e a súa forma. Manterse ao día non debería ser acumular titulares, senón cultivar criterio. As RSS non son unha solución perfecta, pero polo menos permiten asumir unha parte activa na construción do propio ecosistema informativo.
Se probades algunha RSS chula ou sabedes dalgunha alternativa que combine filtrado eficaz con rigor e diversidade, podedes escribirme a julienpetapau@gmail.com
