Julien Courcier Cortegoso

Ética en stock limitado:

tan verdes coma o diésel

Levamos décadas esgotando o planeta coma se tivésemos outro de reposto. Cada ano queimamos máis recursos dos que a Terra pode rexenerar, tiramos comida coma se sobrase e chamámoslle “verde” a todo o que non o é. Os supermercados, as marcas, as grandes cadeas... todas compiten por ver quen finxe mellor. Selos ecolóxicos, campañas de reciclaxe e discursos baleiros. Todo para parecer sostibles mentres seguen facendo exactamente o mesmo de sempre.

 

Vivimos nun sistema deseñado para consumir os recursos do planeta ata que non quede nada. É un feito. Matámonos a falar das tres R, da sustentabilidade, do consumo responsable... e a realidade é que nada cambia. As empresas empregan todos estes conceptos como propaganda para parecer máis verdes ante o mundo pero... é unha noxenta e flagrante mentira.

 

Hoxe veño falar da Encrucillada, esa cadea francesa que é un reflexo perfecto do que fan todas as empresas coma ela.

 

Cando entras nun dos seus locais, o primeiro que ves son carteis por todas partes. Uns promocionan descontos e ofertas; outros fan gala da boa vontade da empresa: o seu compromiso coa sostenibilidade, coa reciclaxe, co aproveitamento de excedentes, coas doazóns ao banco de alimentos... Ata teñen unha “hora silenciosa” na que apagan música e baixan a iluminación, en nome das persoas neurodiverxentes. Andrómenas.


 

Non hai imaxinación dabondo para concibir todo o que se tira.

 

Non hai imaxinación humana dabondo para concibir todo o que se tira. Si, o banco de alimentos leva cousas, non o nego. Pero hai tanto produto perfectamente aproveitable que acaba no lixo... Aceite ou mel caducado, electrodomésticos cun simple abollón, cervexa e viño sen abrir, perfumes medio cheos, cosméticos cunha tapa rota, flores murchas por esquecemento... Só é unha pequena mostra do que realmente se desperdicia.
    
E a reciclaxe, daquela maneira. Reciclan, si. Pero para unha empresa con tantos recursos, o sistema é tan pouco eficiente que case parece feito adrede. Separan cartón, aceite e chatarra, e teñen contedores para residuos orgánicos e inertes, pero neses dous últimos... a mestura é habitual. Así que, tendo en conta o que tiran e como o xestionan, pódese falar en serio de compromiso co desenvolvemento sostible?

 

Logo está o seu compromiso social. Parcial. Preocúpanse —ou disimulan que o fan— polas persoas que reciben axuda do banco de alimentos e polas neurodiverxentes. Pero coas traballadoras e traballadores, a cousa cambia. A maioría está contratada a tempo parcial, sen estabilidade, suxeita a rotacións constantes, mal gobernada por encargados sen formación en liderado e cargada de responsabilidades que non lles corresponden. Se levas anos e comezas a saír caro... bótante. Pero como non compensa pagarche a indemnización, entran en xogo as prácticas máis noxentas e cuestionables:

 

Levas dez anos na quenda de mañá? Pois agora rotativa. Traballaches sempre en Pontevedra? Pois agora vas para Vigo. Todo pensado para que marches polo teu propio pé, cunha man diante e outra detrás.

 

Por suposto, a Encrucillada non é a única. Só é un exemplo entre tantos. O problema é sistémico. Hai alternativas? Si, pero case sempre marxinadas: pequenas redes de consumo local, proxectos cooperativos, modelos de distribución sostible... Non teñen os medios nin a visibilidade destas grandes cadeas, pero existen e necesitan apoio.

 

A pregunta segue sendo: como pode ser? Como permitimos que isto pase? Non deberiamos esixirlles un compromiso real? Non deberían pagar por todas estas prácticas —de consumo, de reciclaxe, laborais— tan pouco éticas?

 

Quizais haxa que facer boicot. Ou quizais xa non chegue con iso. Igual o que toca é que o Estado meta man dunha vez. Que prohiba tirar comida perfectamente válida. Que obrigue a publicar canto se desperdicia e en que condicións traballa a xente. Que multe —pero de verdade— as empresas que se limiten a parecer sostibles mentres nos toman o pelo. Porque reciclar catro caixas e doar dous iogures caducados non é compromiso social: é teatro. E xa estamos fartos de aplaudir mentres nos enredan co conto.
 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.