Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla

Redacción: Julien Courcier Cortegoso

Horóscopo - Febreiro 2026

Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro

 

Este mes colleitas o que sementaches. O problema? Que non recordas ter sementado nada. A calma será proveitosa, pero non te confíes: o sol de abril é mentireiro e a túa pel aínda está en modo inverno. Alguén pediráche favores e ti dirás que si por compromiso. Arrepentiraste antes de rematar a frase.

 

Compatibilidades: O Raposo tentará aproveitarse da túa boa fe. Non aviso máis.

 

Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro

 

A terra está fértil e ti tamén, pero non no sentido maternal: é que vas estourar de tantos pendentes. Abril ofréceche a oportunidade de rematar algo que deixaches a medias en xaneiro. Valora poñerlle punto e final dunha vez. O sol comeza a apertar e a túa palidez invernal… está lista para lucirse.


Compatibilidades: A Bolboreta entenderá os teus ritmos. A Serpe, pola contra, vai arrastrarte aos seus melodramas.
 

Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo

 

A calma chega ao teu signo, cousa canto menos… sospeitosa. Goza deste val de paz porque en canto a primavera avance, volverás ser a que queima pontes por deporte. Aproveita para non destruír nada nin a ninguén. Unha oportunidade laboral aparecerá a mediados de mes; coida a túa lingua.


Compatibilidades: O Cabalo compartirá a túa tregoa. A Píntega, en cambio, vai crer que a túa calma é cuestión de debilidade.
 

Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril

 

O lume baixa as súas chamas, pero non baixes a garda: é só que o vento cambiou. Terás un respiro, pero será deses respiros que preceden a que che caia unha maceta na cabeza. Aproveita para planear os teus próximos ardides sen facer ruído. Alguén che pedirá contas por algo que fixeches hai meses...


Compatibilidades: O Lobo seguirá os teus plans. A Donicela detectará as túas intencións antes de que as teñas sequera.
 

Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio

 

Prepárate para que todo o mundo che pida favores. O teu traballo de meses comeza a dar resultados e iso chamará a atención de quen non moveu un dedo. Aprende a dicir que non, aínda que che custe. Deixa o bronceado para máis adiante. Non fagas tonterías.


Compatibilidades: O Miñato trae moita estabilidade. A Troita vai ser unha áncora que flipas ーe non no bo sentidoー.
 

Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño

 

Tes un baleiro interior. Pode ser emocional ou pode ser que levas tres días esquecendo comer. Os asuntos emocionais requirirán a túa atención, pero ti farás o de sempre: deixar que flúan. Se che falta algo, revisa o estómago: ás veces a fame disfrazase de angustia existencial.


Compatibilidades: A Garza será a túa compañeira existencialista. O Cabalo encherá o baleiro con… opinións non solicitadas.
 

Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo

 

Por fin podes estirar as ás! Abril tráeche liberdade e unha brisa que che vai sentar mellor que un día de rebaixas. Coincidencias da vida, este mes vai ser o teu mellor momento. Nada que ver con que esta revista estea de aniversario. Voa, Petapau, voa! Pero sen perderte, que logo o GPS non funciona.


Compatibilidades: O Miñato será excelente compañeiro de voo. O Corzo mirarate con cara estraña. Non intentes entendelo.
 

 

Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto

 

Tes unha enerxía incontible, pero non a confundas con produtividade: vas darte moitos golpes porque o teu ímpeto supera a túa planificación. Aproveitas a calma dos signos de lume para descansar, pero ti non sabes estar quedo. Coidado con romper algo sen querer. Vai pasar.


Compatibilidades: O Lobo apoiará a túa causa. A Donicela xa está farta das túas reivindicativas teimas.
 

Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro

 

Tes unha sensación de profundo baleiro. Pode ser unha bágoa contida ou simplemente que o ketchup acabou e ninguén deu aviso. A marea está baixa, así que non agardes grandes emocións pero tampouco grandes desastres. Non deixes que coa calma esquezas o paraugas no día máis chuvioso.


Compatibilidades: A Vaca entenderá o teu deserto emocional. O Lobo tentará afogarte ーde múltiples formasー.
 

Garza - Do 2 ao 29 de setembro

 

A falta de algo vai ser o teu lema. Pode ser que botes de menos a alguén ou que simplemente che falte a tapa dun tupper. Non deixes que iso che leve a facer compras impulsivas. Tampouco a mandar mensaxes ás 3 da mañá. Ningunha das dúas cousas é recomendable. Por favor. Calma.


Compatibilidades: A Píntega será a túa terapeuta de balde. O Raposo crerá que o teu baleiro é unha oportunidade para enchelo de favores.
 

Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro

 

As ás xa están fóra do casullo. Vas coller aire fresco, liberarte das amarras invernais e probablemente tamén coller un arrefriado por andar a voar con pouca chaqueta. Aproveita a liberdade, pero coidado: o aire pode levarche onde non querías ir.


Compatibilidades: O Cabalo entenderá as ansias de liberdade. A Serpe vai querer converter o teu voo nunha queima controlada.
 

Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro

 

A tormenta aínda non chegou pero xa se está formando. Terás unha calma sospeitosa que che fará preguntarche se perdiches a túa esencia. Non te preocupes: en canto a primavera se asente, volverás a ser o centro de cada polémica. Aproveita para durmir.


Compatibilidades: O Petapau acompañarache no silencio. O Corzo fuxirá de ti coma dun incendio forestal.

 

Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro

 

O vento sopra ao teu favor e iso significa que podes dicir o que pensas sen que che estoupe na cara. Ata agora. Porque o aire é traizoeiro e o que hoxe che impulsa, mañá pode traerche unha factura da luz. Practica a arte do silencio, aínda que che doa.


Compatibilidades: O Lobo será o teu valedor. A Garza vai pedirche que baixes a unha altitude máis… humana.
 

Velaquí o horóscopo satírico de abril e o derradeiro neste mesmo formato. Para este segundo ciclo de publicacións de Petapau decidimos simplificar o horóscopo e publicalo de forma estacional no canto de mensual.

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.