Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla

Redacción: Julien Courcier Cortegoso

Horóscopo - Febreiro 2026

Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro

 

Coa chegada da primavera notarás un estraño formigueo nas patas: son forzas renovadas… e tamén novos obstáculos. Algo medra ao teu redor, pero non todo é herba fresca; pode que sexa unha silveira lista para engancharte polo pantalón (ou polo orgullo). Aproveita o impulso inicial do mes, mais non embistas contra todo o que brille. Non todo claro no bosque é unha saída.

 

Compatibilidades: O Miñato saberá sinalarche o camiño dende as alturas. Ollo coa Serpe, que este mes anda especialmente inflamable.

 

Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro

 

A terra esperta e ti con ela, pero non confundas enerxía con invencibilidade. Haberá unha oportunidade que parecerá pequena —case ridícula— e que, por ignorala, medrará ata converterse nun problema con dentes. A primavera tráeche forza, si, pero tamén unha proba de carácter. E sabemos como levas iso das probas.


Compatibilidades: A Vaca comprenderá a túa teimosía estacional. Evita o Lobo; está demasiado intenso para o teu gusto.
 

Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo

 

Se pensabas que o Entroido fora o pico das túas paixóns, agarra ben forte. Marzo non apaga o lume; avívao. Poderías declarar algo que sería mellor calar ou calar algo que che queima por dentro. A intensidade seduce… pero tamén deixa cinza. Controla a lingua (bífida ou non).


Compatibilidades: O Raposo seguirá o teu ritmo sen chamuscarse. Fuxe da Garza, non está para dramas volcánicos.
 

Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril

 

A túa chama interior non só segue acesa: agora prende nos demais. Marzo traerá miradas cómplices, discusións absurdamente apaixonadas e algún que outro malentendido digno de telenovela. Se xogas co lume, lembra que ti tamén es material inflamable. Iso si, aburrirte non te vas aburrir.


Compatibilidades: A Bolboreta deixarse levar polas túas lapas. A Vaca, en cambio, tentará apagarte cun balde de realidade.
 

Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio

 

A primavera dache unha forza tranquila, desas que fan tremer o chan sen facer ruído. Sentiraste capaz de todo… ata que apareza un contratempo burocrático ou unha decisión incómoda que che estrague a sesta mental. Non todo florece á vez, nin ao teu ritmo. Respira fondo antes de escornar metaforicamente a alguén.


Compatibilidades: A Garza ofrecerache perspectiva. O Petapau virá con ideas que che removerán demasiado o po.
 

Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño

 

Notarás un cansazo estraño, coma se o inverno decidise despedirse de ti a última hora. Haberá un momento no que pensarás que non podes máis (dramática como es), pero ao superar esa preguiza emocional abrirase unha etapa moito máis vibrante. Iso si, non forces o renacer: ata as píntegas precisan humidade e tempo.


Compatibilidades: A Troita saberá agardar contigo no remanso. O Lobo esixirá unha enerxía que agora non tes.
 

Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo

 

Marzo ábreche fiestras. Literal ou metaforicamente, o aire circula e ti con el. Descubrirás novos intereses, novas xentes ou unha nova teima absurda que defenderás con paixón académica. Medras cando exploras, pero lembra: non todo o que voa é sabedoría. Contrasta fontes antes de pontificar.


Compatibilidades: A Bolboreta acompañarate nas túas exploracións. O Cabalo non terá paciencia para tanto experimento.
 

 

Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto

 

Sintes a terra latexar baixo os cascos e iso énchete de determinación. Mais marzo tamén traerá unha pedra no camiño —ou varias— que por moito que queiras non poderás saltar á primeira. A clave non está na velocidade, senón na resistencia. E ti diso sabes… aínda que finxas que non.


Compatibilidades: A Vaca entenderá os teus silencios tensos. Co Raposo poderías acabar nunha carreira absurda sen meta ningunha.
 

Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro

 

Unha fatiga doce pero persistente envolverate coma néboa sobre o río. Non loites contra ela; deixa que pase a corrente. Ao superar esta baixada anímica, algo novo espertará en ti con máis forza ca antes. Marzo pídeche pausa para logo pedirche impulso. E si, tocará nadar contracorrente un anaco.


Compatibilidades: A Píntega será refuxio seguro. O Miñato analizará demasiado o teu cansazo.
 

Garza - Do 2 ao 29 de setembro

 

Algo pesa nas ás este mes. Pode ser cansazo físico ou esa manía túa de cargar co alleo. A primavera non te atopará no teu mellor momento, pero traerá unha claridade inesperada tras a brétema. Cando a enerxía regrese, verás horizontes que antes nin sospeitabas. Ata entón, pisa con coidado no lodo.


Compatibilidades: A Vaca dará estabilidade. Evita a Serpe se non queres discusións acaloradas á beira da lagoa.
 

Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro

 

Este é o teu escenario natural: flores abrindo e ti reinventándote enriba delas. Marzo tráeche gozo, expansión e algunha revelación que che fará bater as ás con máis convicción. Iso si, non confundas liberdade con fuxida constante. Ás veces medrar tamén implica quedar.


Compatibilidades: O Petapau compartirá descubertas. O Lobo quererá apropiarse do teu voo.
 

Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro

 

O lume que arrastras dende febreiro segue activo. A paixón, a rabia ou o desexo mestúranse nun cóctel difícil de dixerir para quen te rodea. Marzo esíxeche intensidade responsable —si, iso existe—. Se non regulas, poderías quedar ou moi só ou moi mal acompañado.


Compatibilidades: A Serpe entenderá o teu ardor. Fuxe da Píntega, que non está para incendios emocionais.

 

Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro

 

O aire trae novidades e ti sabes lelas antes ca ninguén. Marzo convértese nun mapa aberto diante dos teus ollos: novas ideas, proxectos ou persoas que amplían o teu territorio mental. Goza da descuberta, pero non mires por riba do ombreiro a quen aínda camiña a pé. Non todo o mundo nace con ás.


Compatibilidades: O Corzo agradecerá a túa visión panorámica. A Troita preferirá profundidade antes ca altura.
 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.