Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla
Redacción: Julien Courcier Cortegoso
Horóscopo - Novembro 2025

Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro
A moral baixa non é ningunha forma de filosofía, é cansancio puro e duro. Este mes intenta non converter esa “tranquilidade” túa en hibernación social. Un paseo e un café quente poden salvarte dese dramón ou, polo menos, adialo.
Compatibilidades: Procura a Donicela para confidencias serias e o Miñato para debates absurdos.

Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro
Afrouxa. Non sempre estás en modo aventura; ás veces simplemente estás perdida. Acepta esa brétema mental: é outono, non unha crise permanente (ou pode que si, quen sabe). Mellor que rías por non chorar.
Compatibilidades: A Bolboreta para a inspiración, a Troita para baixar á terra.

Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo
Curiosa esa capacidade túa para meterte onde ninguén te chama. Algún día levarás semellante hostia que esa cariña túa non volverá ser a mesma. Este mes proba a calar antes de opinar. Sorprenderaste do descanso mental. O dos demais, digo.
Compatibilidades: O Corzo trae orde. A Píntega, en cambio, trae malas tentacións ーpero todas divertidasー.
Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril
Espertaches cunha enerxía rara: algo optimista, algo “a foderse”. Mantén a liña: planifica o suficiente para non acabar limpando merda allea no canto de facer a túa vida ou… o teu traballo ーe miña nai querida, coidado co traballoー.
Compatibilidades: O Miñato este mes para discutir parvadas. O Lobo, por outra parte, para plans pouco sensatos.


Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio
Levas tempo fuxindo de algo. O problema é que nin ti sabes do que. Para e pensa… ou non, mellor segue actuando como se todo estivera baixo control. Descubrirás que é… sorprendentemente efectivo.
Compatibilidades: O Raposo para murmuracións e conspiracións; a Serpe para trasnadas perigosas.

Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño
Iso que ti chamas descanso é, obxectivamente, vagancia premium. Aínda que certamente tamén é autocoidado ーdependendo de a quen se lle pregunte, claroー. Só intenta non converterte nun moble máis do salón.
Compatibilidades: A Troita dará paz. O Cabalo só caos emocional con acenos conspiranoicos.

Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo
Tes ideas novas, algunhas mesmo son boas. O problema é que queres aplicalas todas á vez. Escolle unha. Só unha. Sen facer dramas. Que che custa?
Compatibilidades: A Garza trae lucidez… da dura. A Donicela algo de caos que non precisas..

Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto
O teu impulso é berrar LIBERDADE! e saír correndo. Non o fagas. Esta vez planifica un mínimo antes de desaparecer do mapa. A xente preocúpase, e logo chámanme a min. Non sexas así.
Compatibilidades: Outro Cabalo para afogar risos culpables. A Garza? Mellor lonxe: retírate con dignidade.

Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro
Esa axenda cargada non engana a ninguén: de organizada non tes nada. Respira, mira unha folla caer, deixa de simular produtividade. Ninguén te vai despedir da túa propia vida.
Compatibilidades: Petapau trae conversacións necesarias; a Vaca… mellor poñela en modo avión.

Garza - Do 2 ao 29 de setembro
Volves coa túa mirada intensa e observacións incómodas. Úsaas con elegancia, non para ferir por deporte. Hai un tempo de calar e outro de golpear cunha ironía suave.
Compatibilidades: Acode a Píntega para confesións sucias e ao Cabalo para rir da xente ーsen que se note, por favorー.

Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro
Ti es do tipo que prende lume a todo só para comprobar se lle afecta. Este mes, igual proba só a acender candeas metafóricas. O drama está ben, pero a paz é aínda mellor.
Compatibilidades: Terás o Lobo para unha complicidade brutal. Outra Bolboreta virá para lembrar que o mundo non precisa sentido sempre.

Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro
Ese aire de “non sei onde estou pero imos ver que pasa” segue funcionando, para ben ou para fascinación allea. Só lembra que flotar non é o mesmo ca avanzar.
Compatibilidades: Acharás na Troita unha calma involuntaria. Os sorrisos da Serpe, en cambio… son malévolos?

Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro
Esa manía de ter razón segue forte. Tamén esa teima de discutir polo pracer intelectual. Intenta descansar. Nin todo é batalla nin todo público dá aplausos. Senta un pouco a ver as follas caer.
Compatibilidades: Coidadiño coas intencións da Píntega, aínda que pode ser moi divertido. O Corzo equilibrará a túa mala baba.
