Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla

Redacción: Julien Courcier Cortegoso

Horóscopo - Setembro 2025

Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro

 

Acho a túa nostalxia do verán que remata perfectamente xustificada mais non che deixa ver a estúpida vaga de decisións que estás a piques de tomar. Por favor, polo teu ben e o da túa contorna, bota un caldeiro de auga fría por riba e… espabila!

 

Compatibilidades: Mantén preto ao Petapau e, polo que máis queiras, non escoites as tolerías da Vaca.

Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro

 

Vai sendo hora de aceptar as túas accións na derradeira romaría: esa vergoña non marchará por moi forte que peches os ollos. No canto de continuar torturándote o Oráculo recomenda: procura acadar na próxima festa un nivel de desastre maior.

 

Compatibilidades: Nin o Cabalo nin a Bolboreta serán bos apoios durante as múltiples e festivas cagadas.

Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo

 

Canta seguridade! Que intuición! Ningún outro signo terá este mes a túa determinación. Claro que tampouco hai signo algún disposto a afundirse na merda con tanta celeridade e precisión. Fai unha pausa, colle folgos e practica un pouco a arte da meditación.

 

Compatibilidades: Acharás noutras Serpes as perfectas compañeiras de naufraxio. No caso da Troita un non sabería dicir que carallo che vai aportar.

Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril

 

Co comezo do curso escolar podes agradecer a ausencia de trasnos menores mais é mellor non cantar vitoria: as persoas máis vellas poden acadar os mesmos niveis de irracionalidade. Vixía os cantos da rúa, hai sorpresas felinas e non tan felinas agardando por ti.                                               

 

Compatibilidades: Seica o Corzo trae algún agasallo igual que a Garza anda na procura do… ben alleo.

Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio

 

Ese suposto sono que levas arrastrando dende xullo nada ten que ver coa fatiga ou coa calor. Deberías sincerarte contigo mesmo/a: é preguiza. Está ben. É unha das cousas máis humanas. Exactamente como iso que fas os martes a medianoite. Coidado.

 

Compatibilidades: A Píntega trae este mes de todo para compartir, bo e malo. O Miñato por outra parte vai andarche coa roupa das festas, coitadiño.

Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño

 

Abandona toda idea de fuga. Chegou o momento de enfrontar canto dixeches no pasado. Podes pensar que todo canto afirmas é certo mais deberías aceptar tamén que aínda que certo non sempre foi dito con boa intención. Es unha mala lingua. Mais que gusto dicir todas esas cousas, non si?

 

Compatibilidades: Dálle a lingua ao Lobo ーse é para falar ou para outras cousas ti saberásー. Co raposo mellor nin un biquiño na fronte.

Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo

 

Non todo o que soa a liberdade é liberdade. Ás veces é só caos cun nome molón. Estás a piques de liar unha tan grande que vai parecer arte conceptual. Iso si, se o fas con estilo, ata pode que alguén che dedique un mural.

 

Compatibilidades: A Píntega é a túa compañeira ideal para conspirar e murmurar. A Garza pode parecer interesante, pero coidado: tamén conspira, e mellor ca ti.

 

Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto

 

Xa sabemos que ves cousas que os demais non ven, pero iso non sempre é bo sinal. Este mes as túas visións poden volverse profecías autocumpridas se non deixas de controlar compulsivamente a vida dos demais.

 

Compatibilidades: O Raposo é só o teu reflexo cunha mellor manicura. O Corzo, para variar, non entenderá nada, pero levarache igual a tomar algo.

Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro

 

Estás a piques de entrar nunha espiral de actividade que vai parecer produtividade, pero que en realidade é escapismo ben maquillado. Que pasa se paras un chisco e pensas por que carallo corres tanto? Xa, medo. Normal.

 

Compatibilidades: Mellor fuxe da Donicela: a súa enerxía pode desencadear unha explosión de caos. A Bolboreta, en cambio, anda tan despistada que ata che pode dar paz.

Garza - Do 2 ao 29 de setembro

 

A túa capacidade de romper o ambiente con frases incómodas segue intacta. Este mes, o universo recoméndache dosificar o teu poder: ás veces abonda cunha mirada para facer que todo o mundo se sinta observado en exceso.

 

Compatibilidades: A Donicela admírate ーdende lonxe e con medoー. A Vaca quererá fuxir, pero tamén quedará engaiolada pola túa absurda paixón argumentativa.

Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro

 

Tanto voar de flor en flor sen pensar nas consecuencias acabou por converterte na personificación da frase "non sei que estou facendo coa miña vida". Pero sabes que? Iso ten o seu encanto. Só non o confundas con ter un plan.

 

Compatibilidades: A Serpe vai rir contigo, ou de ti, depende do día. O Cabalo intentará entenderte, sen éxito, pero iso xa é unha tradición zodiacal.

Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro

 

Non é que esteas fóra de lugar, é que ti mesmo te colocaches alí para ver que pasaba. Agora que todo comezou a incendiarse, pensas que igual era mellor idea quedar na casa. Pero xa é tarde: tes que bailar entre as lapas. Faino con dignidade, ou polo menos con boa música.

 

Compatibilidades: A Troita necesita da túa brutalidade honesta. O Petapau, con sorte, non intentará pelexar contigo... esta vez.

Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro

 

Hai un momento na vida no que un ten que asumir que a súa teima por ter razón xa non é sabedoría, senón simple teimosía. E ti pasaches ese momento hai meses. Xa que estás no punto sen retorno, dálle duro: crea debates innecesarios, corrixe xente por deporte e reivindica a túa verdade mesmo ante o espello. O fracaso é tan digno coma o éxito.

 

Compatibilidades: O Lobo admírate por motivos que nin el entende. Outros Miñatos serán fonte de apoio pero só mentres non implique moito esforzo.

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.