Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla
Redacción: Julien Courcier Cortegoso
Horóscopo - Xullo 2025

Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro
Non, a fatiga non é por traballar moito. Estás derreado/a porque todo cansa: a xente, a calor, os grupos de WhatsApp e incluso ti. Este mes vas descubrir que a túa paciencia ten un límite… e xa o pasaches en xuño. Fagas o que fagas, non te apuntes a actividades grupais: non queiras matar a alguén cun boli Bic.
Compatibilidades: A Garza comprenderá o teu desprezo pola xente pero evita á Píntega: está demasiado animada para o teu gusto.

Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro
Este mes vas intentar facer algo diferente. O Oráculo avisa: sairá mal. Calquera tentativa de mellorar a túa vida será interpretada polo fado como un reto persoal. Un erro administrativo cambiarache a data de nacemento ou a identidade. A boa nova? Tes escusa para evitar reunións familiares.
Compatibilidades: O Miñato saberá axudarte a conspirar. O Cabalo, en cambio, tomará todo a risa e iso acabará mal.

Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo
Alguén vai pedirche consello. Mala idea. Dirás o que pensas e, coma sempre, acabarás sendo o/a malo/a da película. A túa sinceridade, tan útil coma unha culler sen mango. Mellor limita o contacto humano e dedícate a xulgar en silencio.
Compatibilidades: O Corzo será unha boa compañía este mes. A Bolboreta, porén, tomará todo como unha crítica persoal.
Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril
Desaparecer é a única opción. Este mes, o máis intelixente que podes facer é finxir que non existes. Sexa por unha débeda, un drama amoroso ou unha promesa feita baixo os efectos do licor café, alguén che vai vir pedir explicacións. E ti non tes ningunha.
Compatibilidades: O Petapau será un perfecto cómplice de fuga. O Lobo, en cambio, quere arrastrarte a outro conflito.


Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio
Por algún motivo inexplicable, todos os teus dispositivos decidirán deixar de funcionar ao mesmo tempo. Será un mes de calor sen WiFi, sen microondas e sen dignidade. A túa única opción será convivir contigo mesma e iso agora mesmo é canto menos perigoso. Non abras a caixa de Pandora.
Compatibilidades: A Serpe será unha aliada no teu odio tecnolóxico. Coidado coa Troita: se quere salvarte con incienso e cristais, fuxe, mais se quere sacarte de paseo quizáis sexa boa idea.

Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño
Pódeste convencer de que este mes “vai ser diferente” *gargallada malévola*. Es o/a protagonista dun bucle cósmico de pequenas e ridículas traxedias. A boa noticia é que vas adquirir unha gran habilidade para finxir que todo está ben mentres choras no súper.
Compatibilidades: O Cabalo trae moita risa e caos. O Miñato, con todo, vén cargadiño de verdades que non quererás oír.

Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo
Coidado con ese ataque súbito de esperanza. Este mes vas pensar que todo pode mellorar… e logo virá a vida a facerlle unha placaxe frontal a todas as túas ilusións. Descubrirás que unha amizade era só unha subscrición emocional que xa expirou.
Compatibilidades: A Donicela vaise afundir contigo, cousa que sempre une. A Vaca, por outra parte, non ten tempo para ningún dos teus dramas.

Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto
A túa capacidade de xerar caos acadará novas cotas proximamente. Un comentario que farás en voz alta provocará consecuencias inesperadas e unha mirada desafortunada converterase nunha declaración de guerra. Practica a arte do mutismo selectivo… ou merca un casco.
Compatibilidades: Confía na Troita para apagar os teus lumes. O Corzo, en cambio, está a piques de denunciarte por aburrido.

Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro
Este mes vas decidir traballar no teu desenvolvemento persoal. Nada che sairá peor. O universo detecta cando un está tentando madurar e vólvese especialmente cruel. O que parecía unha decisión sensata converterase en meme viral. Ríndete antes de empezar e aproveita para rir ti tamén.
Compatibilidades: Busca na Bolboreta a voz da razón que tanto che fai falla. A Vaca tamén quere axudar pero vai poñelo todo patas arriba: fuxe!

Garza - Do 2 ao 29 de setembro
O Oráculo prega atención: hai risco de toma de decisións drásticas. Cortarás o pelo, pecharás redes sociais ou escribirás mensaxes que non deberías enviar nunca. Todo motivado por unha lixeira brisa de angustia existencial. Antes de actuar, respira e conta ata dez… ou mellor ata mil.
Compatibilidades: O Raposo saberá reducir a túa intensidade. O Petapau pode provocar unha espiral inexorable de decisións desastrosas.

Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro
Este mes vas alternar entre a euforia e o nihilismo cunha fluidez envexable. A túa vida social parecerá unha comedia romántica mal escrita e con moitos xiros innecesarios. Cada mensaxe sen resposta será interpretada como unha traizón. Cada mensaxe respondida… será coma un xerro de auga fría.
Compatibilidades: A Garza axudarache a racionalizar e relativizar ーe boa falla que che faiー. A Serpe, por desgraza, escarvará nas túas inseguridades ata afundirte.

Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro
Ti, sempre convencido/a de que tes razón, vas pasar o mes loitando con xente que non pediu a túa opinión. Unha palabra túa xerará debate, un meme teu unha ruptura e un simple "bo día" provocará tensións diplomáticas graves. Aprenderás algo? Non. Pero polo menos estarás entretido/a.
Compatibilidades: O resto de lobos riran contigo e de ti, indistintamente. O Raposo buscará a maneira menos ética de que perdas a discusión.

Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro
Este mes terás unha epifanía. Ou iso crerás ti. Podería tratarse só da dixestión dun kebab ás catro da mañá. A sensación de iluminación pasará rápido, pero a confusión ficará no fondo da túa alma. Non intentes guiar a ninguén: bastante traballo tes contigo mesmo/a.
Compatibilidades: A Donicela animarate a compartir teorías mal fundamentadas. A Píntega, en cambio, esnaquizará todas as túas crenzas.