Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla
Redacción: Julien Courcier Cortegoso
Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro
Vai un sol de carallo, eh? Pois non te veñas arriba que moi pouco o vas tomar este mes. Mellor que atendas o teu e agardes con paciencia as vacacións de agosto. Aí xa poderás gozar do sol pero bota crema porque de esquecerte vas parecer un caranguexo que pasou pola pota.
Compatibilidades: O Miñato comprenderá os teus silencios porque tamén anda nos seus. A Donicela, en cambio, vai con moitas ganas de pelexa.
Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro
Moi escuro vexo o teu futuro como non saltes sete veces a cacharela de San Xoán. Non caias dentro. Como teñas a mala fortuna de poñer un pé nas brasas o peor non vai ser a queimadura. Sabes o que lle acontece a quen rompe un espello? Mellor toma nota.
Compatibilidades: Busca no Raposo consello ーaínda que os inventeー e evita a toda costa á Troita, que ven cargada de pedras enerxéticas.
Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo
Que dura a vida pero que ricas che saberán as cuncas. Tanto lecer gozarás este mes como partirás o lombo no traballo. Mais ten coidado, non todo vai ser bo este mes. Non quites ollo do coche, da lavadora ou do retrete. Un dos tres será motivo dunha sorpresa non moi divertida ーpolo menos para ti, o resto pode que escache coa risaー.
Compatibilidades: Confía na Píntega para rir e chorar, mais fuxe do Cabalo: el cre que ven cheo de enerxía creativa, pero todo o contrario.
Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril
Este mes non hai quen te ature cando te ves no espello. Por algún incognoscible designio do destino este mes gozas dunha beleza espectacular. Non durará moito porque a envexa motivará con toda probabilidade unha agarrada de dimensións épicas. Sexa un ollo morado ou un beizo partido… esa cariña vai quedar esmagada.
Compatibilidades: A Bolboreta será a cómplice ideal de delitos. O Miñato por outra parte non o dubidará nin un segundo antes de denunciar canto faga.
Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio
Non é por alarmarte, pero ese son que leva días facendo a cadeira… non é a madeira. Este mes vólvese propicio para accidentes ridículos pero fotoxénicos, así que prepárate: roupa interior sen buracos e dignidade onde poidas atopala. O universo empéñase en que sexas meme, pero polo menos serás o/a protagonista.
Compatibilidades: A estabilidade que che falta está onde a Garza, pero a Serpe trae tanta ironía que erradicará a pouca paciencia que che quede.
Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño
Se foses máis prudente, outro galo cantaría. Pero non é o caso. Este mes haberá que repetirche todo dúas veces e aínda así acabarás confundindo a porta do baño cun armario. O universo vai darche pistas moi claras, pero claro... ti vas mirar para o móbil. Cando perdas o bus por terceira vez, igual aprendes. Ou igual non.
Compatibilidades: A Troita vai comprender todos os teus impulsos sen facer preguntas. Porén, ao Corzo, mellor non te lle acerques. El só quere tranquilidade e ti vés con ganas de festa.
Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo
Ai, Petapau… Este mes traerá revelacións importantes: como que a túa planta de interior nunca estivo viva ou que o teu gato non te quere, só te tolera porque lle dás comida. A boa noticia? Alguén do pasado vai volver á túa vida. A mala? Debiches bloquear esa persoa hai anos. Mala sorte.
Compatibilidades: Sei que estás farto das delirantes teorías da Donicela, pero non as ignores porque están no certo. Evita ao Raposo porque este mes rematou o seu máster de manipulación emocional.
Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto
Alguén vai facer un comentario inocente sobre o teu peiteado… e ti vas montar unha escena que nin nun capítulo de telenovela venezolana. Estás sensible, si, pero tamén insoportable. Canaliza esa enerxía: fai ioga, berra nunha almofada ou colle un tren sen destino. Iso si, non fales con descoñecidos: vanche contar a vida enteira.
Compatibilidades: Todo o mundo quere festa contigo este mes, da boa e da mala. Será mellor que prepares unha xenerosa copa de licorca.
Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro
Aínda que digas que todo flúe e que o universo conspira ao teu favor, este mes vai parecer máis ben que conspira para deixarte en ridículo. Rómpese o pantalón no peor momento, córtase a luz cando vas lavar a louza… e ti, coma sempre, sorrindo. Iso si, ese sorriso vai esnaquizarse cando vexas a factura da luz.
Compatibilidades: A Bolboreta é a voz da razón que tanto che fai falla. A vaca tamén quere axudar, pero pretende facer un Excel coa túa vida: fuxe!
Garza - Do 2 ao 29 de setembro
Non hai plan que che vaia saír ben este mes. Incluso os que dependen só de ti. Tes previsto quedar na casa tranquilo? Pois prepárate para que rebente a caldeira. Vas ao monte a relaxarte? Pois perderaste e acabarás no concello do lado. Leva sempre unha barra de pan e unha muda, por se acaso. Non preguntes por que.
Compatibilidades: Co Petapau sentiraste menos rara e iso xa é dicir moito. O lobo mellor lonxe, vai darche tremenda urticaria.
Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro
Este mes es a estrela do espectáculo… só que o espectáculo é un incendio descontrolado. Todo vai xirarse do revés: o que tiñas claro vólvese dubidoso e o que dabas por perdido vén para darche unha labazada emocional. Pero tranquila, Bolboreta: de toda metamorfose sae algo fermoso… ou un insecto con problemas existenciais.
Compatibilidades: O Corzo saberá darche o espazo exacto entre o abrazo e a independencia. A Serpe non: vai pegarse a ti coma unha lapa.
Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro
O teu ego precisa unha pausa. Este mes non é o momento de dar discursos nin de liderar movementos revolucionarios no grupo de WhatsApp. Todo o mundo está un pouco farto de ti, pero dincho con cariño. Mellor escoita, observa e aprende. Iso si, cando alguén che pregunte como estás, contesta algo que non dure media hora.
Compatibilidades: O Cabalo é o único con enerxía dabondo para seguirche o ritmo. A Vaca en cambio xa está farta de ti e de todo.
Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro
Vas ter un mes brillante... en desastres! Nada grave, pero acumulativo: derramaches café? Rachaches unha media? Enviácheslle por erro unha mensaxe ao grupo equivocado? E todo antes do almorzo. Vai anotando, porque a lista vai ser longa e, en retrospectiva, abondo divertida. Polo menos para calquera que non sexas ti.
Compatibilidades: Voa alto coa Garza que será a mellor compañeira de aventuras este mes. Con todo, mantén a Píntega lonxe cando te mire mal porque se achegará a discutir de canta parvada se lle ocorra.
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.