María Lago Bernárdez
Incendios e patrimonio.
Prevención de riscos.

Incendios forestais na parroquia de Ponte Sampaio en 2016
Autor: Elentir
Ao longo do pasado mes de agosto, unha vaga de incendios percorreu desmesuradamente numerosos puntos da Península Ibérica. Un ano máis, o territorio galego foi un dos grandes afectados, sufrindo enormes perdas tanto materiais como inmateriais e alcanzando récords históricos como en Larouco, Ourense, con 30.000 hectáreas queimadas (El Salto, 2025).
Como consecuencia destes lumes, o patrimonio viu comprometida a súa preservación, sendo o máis perxudicado de xeito directo o natural, aínda que tamén outros de diversa índole, como o etnográfico ou o arquitectónico, quedando aldeas enteiras totalmente derruídas. Destacamos neste primeiro plano conxuntos como o do Courel, o do Invernadoiro ou o de Pena Trevinca, espazos naturais onde viven animais protexidos e onde proliferan grandes extesións de árbores autóctonas (Nós Diario, 2025).
Se ben é certo que o patrimonio natural galego se atopa ao abeiro de plans directores como o de Rede Natura 2000 de Galicia, no cal se declaran zonas especiais de conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestres (DOG, 2014), ou a Lei 3/2007 de defensa contra os incendios forestais en Galicia, este segue desamparado ante o lume, entre outras cousas, por unha insuficiente inversión en prevención e unha deficiente xestión dos medios técnicos.
En patrimonio, o concepto de conservación preventiva, unido ao de redución de riscos, é esencial para evitar os potenciais danos que os bens poidan sufrir, irreversibles en moitos casos. Para isto, en primeiro lugar, debe facerse unha análise o máis detallada posible dos axentes implicados neses danos, a probabilidade da súa acción e a gravidade das súas consecuencias. O axente principal dos incendios forestais en Galiza é o factor antrópico, referente tanto a accións directas como indirectas; é dicir, todas aquelas que derivan da implicación e/ou inacción do ser humano, incluindo motivos xa mencionados como o abandono no coidado dos montes. A propagación deste lume vese desfavorecida pola acción do vento e nos últimos anos tamén pola inminente emerxencia climática: altas temperaturas, disminución da biodiversidade e aumento de sequías.
Como se recolle na Guía de Xestión de Risco de Incendio da UNESCO (2024), a integración do coñecemento da comunidade local, baseado no entendemento de cuestións como a xeografía, a paisaxe e a vexetación, así como na aplicación de prácticas tradicionais, é clave para evitar os lumes e favorecer un control eficaz en caso de propagación. O seu saber debe terse tamén en consideración nos procesos de elaboración de normativas e plans que promoven a regularización destas catástrofes. Así mesmo, a presenza de árbores frondosas autóctonas, como son os castiñeiros e os carballos en Galiza, reducen a súa proliferación fronte ás plantacións de árbores foráneas como son os eucaliptos, con alto poder de combustión (Campo Galego, 2017).
A prevención trátase, por tanto, do factor clave para a redución de riscos e afectación por mor do lume na nosa terra. A súa extinción debe ser unha medida efectiva cando o axente xa se atopa activo, pero en calquera caso, non a única. Diminuír a probabilidade de impacto é imprescindible para minimizar as súas devastadoras consecuencias no noso patrimonio natural, que debe ser valorado e conservado como calquera outro, pois contribúe na construción da nosa identidade.
Fontes consultadas:
-Campo Galego: https://www.campogalego.es/arde-mas-el-eucalipto-que-otras-especies/
-Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia: https://medioambiente.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Espazos_protexidos/seccion.html&sub=Rede_natura_2000/
