Julien Courcier Cortegoso
Nós Seus Pés

Zeltia Irevire no escenario do festival (2025)
Francamente o nome é magnífico ーe dígocho eu que as veces boto horas na procura dun bo nome para unha personaxe, un lugar ou sabe Deus queー. Souben da súa existencia por unha compañeira de Boa Vida que forma parte da organización do festival. Non tardaría en comprobar que, coma ela, todo arredor de Nos Seus Pés desprende un aroma a compromiso, solidariedade e apoio mutuo.
Pero que é Nos Seus Pés?
Pois un festival que organiza a veciñanza do Grove e cuxo obxectivo principal é recadar fondos para a ONG Proemaid mentres poñen en boca de todos os dereitos dos refuxiados. Non o digo eu. Calquera pode velo na súa conta de Instagram: @nosseuspes ーque por certo está moi ben levadaー. De feito teñen un post fixado no seu perfil no que está todo tan ben explicado que ata me sinto un pouco ridículo intentando comunicar algo que, claramente, elas fixeron mellor.
Tampouco vou darme por vencido. Se consigo que despois de ler este artigo marches na procura de coñecer mellor este festival: será toda unha honra.
A cousa é que tiña diante a idea principal pero tamén moitas dúbidas que esperaban a súa resposta. Como era ese festival que a miña compañeira describía? Como recadaban os cartos? Conseguían algo? E máis importante, quen carallo era Proemaid? Non adoito ser un desconfiado pero Arturoーe tedes unha conversa con el aquí en Petapauー ensinoume a poñer en dúbida as ONGs, moi especialmente cando realizan unha labor internacional e seguirlle a pegada aos cartos vóltase algo difícil.
Resulta que Proemaid é un equipo de voluntarios ーou así se presentan na súa páxina webー que interveñen para rescatar no mar a persoas que se atopan nun risco grave. Xurdiu na illa de Lesbos alá polo 2015 e dende entón xa levaron a cabo varios proxectos para axudar a milleiros de refuxiados. Prestan unha axuda máis que necesaria a persoas cuxa vida se atopa en perigo e ás que a miúdo a sociedade e as institucións ーdeste e de moitos outros paísesー deixan a un lado sen remordemento ningún.

A imaxe oficial de Nos Seus Pes este ano.
Obra de Andrea Menéndez.
Certamente comezaba a gostar cada vez máis do que estaba vendo. Unha axuda para a primeira liña de acción humanitaria simplemente participando nun festival? Onde hai que asinar, non si? A esas alturas da película xa estaba vendo con Raquel como e cando podíamos achegarnos ata alí ーcousa non moi sinxela porque o noso coche vai canto menos… velloー. O sábado chegamos ao Grove sen máis imprevistos que errar unha saída da AP-9 e xusto a tempo para a sesión vermut!
Explicáronnos que alí todo funcionaba con “pesiños” así que procedemos a cambiar algúns cartos para poder tomar unha cervexa mentres escoitabamos a Zeltia Irevire cantar. Lembro pensar que tiña unha voz moi doce. Tamén que o vaso estaba rechulo ーe nesta casa os vasos dos festivais gárdanse para reutilizar, moi especialmente cando molan tantoー.
Vou aproveitar este momento para reivindicar o labor de Andrea Menéndez que foi a ilustradora da imaxe oficial de NSP deste ano 2025. Probablemente a razón de peso para que o vaso gustase tanto pois, unha reconcepción do monumento á Familia Mariscadora tan ben feito, é unha delicia visual. Ademais, tivo a ben darnos o seu permiso para poñela neste artigo así que: Grazas de corazón, Andrea, pola túa importante contribución ao festival e polo teu xesto de apoio a este cativo proxecto.
Podedes ver todo o seu contido na súa conta de Instagram: @andrea_mnndz

Continuando co festival e para ir rematando, non foron poucos os artistas solidarios que participaron desta edición, tanto subindo ao escenario como pintando no refuxio artístico. O plano gastronómico non quedou lonxe pois houbo bo tapeo a cargo do grupo Nove e restaurantes mecos ーe unha pedazo paella o domingo, que foi o derradeiro díaー. Por haber ata había un mercadiño de segunda man que levaban dúas mulleres encantadoras ーe con bos dotes mercantís, por certoー.
Creo poder afirmar que encheron durante tres días o festival de canto un podía esperar e imaxinar pois a arte, a comida e a música reuníronse para, da man da solidariedade, xuntarnos e facernos pensar, aínda que só fose un intre, nun drama moi actual ao que a miúdo somos alleos.
Supoño que, ao final, conseguiron o que se propoñían dende o inicio: que nos puxésemos Nos Seus Pés.
O vaso desta edición
ーe nova adquisición para a colecciónー
