Julien Courcier Cortegoso
Proxecto salvación: a amizade como resposta a Fermi
Certo é que cando un é sabedor de que Ryan Gosling protagoniza o filme que vai ver, as expectativas adoitan ser altas. O tipo é ーademais de moi guapoー un actor moi capaz de adoptar papeis do máis variados.
“Proxecto Salvación” ーProject Hail Maryー conta como Ryland Grace, interpretado por Gosling, esperta nunha nave espacial sen recordos e debe salvar a Terra coa axuda dun inesperado compañeiro alieníxena, Rocky.
Gustei moito desta película, máis alá da súa actuación, porque a historia está ben contada, a trama ben desenvolta e a mensaxe é moi positiva. Sei ben que non se trata da primeira película que non trata o asunto doutra especie intelixente como agresiva e invasora ーa imaxe e semellanza do ser humanoー pero si que é a primeira, polo menos que visiono eu, na que hai tantas leccións positivas interespecies.
Claro está, un non pode evitar ver que Rocky, por moito que non teña apariencia humanoide, está antropomorfizado a través dunha personalidade curiosa, divertida e estraña. Séntese máis coma un humano dunha cultura exótica e nova que coma unha pedra alieníxena. Non é nada malo, por suposto. Para min é un asunto excelentemente levado a cabo.
O protagonista e Rocky complementan as súas intelixencias e habilidades para buscar unha solución que salve os seus mundos. É, simplemente, un retrato fermoso e potente. Serve como un gancho perfecto para manter o público prendido ata o final.
Alén da trama, a película deixoume pensando precisamente nesa amizade. Na posibilidade de que non esteamos sós. Non creo na vida extraterrestre; ou, mellor dito, éme de todo indiferente. Por un lado, é arrogante crer que sexamos a única forma de vida nun universo xigantesco. Por outro, o paradoxo de Fermi sempre me pareceu unha resposta abafante a ese optimismo: se as civilizacións avanzadas deberían ser comúns, por que reina un silencio tan absoluto? Sempre pensei que hai que ser moi inocente ーou quizáis un gran soñadorー para crer que podemos chegar a facer contacto.
Con todo, "Proxecto Salvación" conseguiu derrubar ese escepticismo meu non con argumentos, senón con afecto. A película non me dixo que o contacto fose posible ou inminente dalgunha forma: amosoume, simplemente, o marabilloso que podería ser. E por iso, nunca antes tivera tantas ganas de facer un amigo alieníxena como despois de vela.
