Os Trubincos
Julien Courcier Cortegoso
24 de decembro de 1959
ーE dalle coas piñas con brea! ーexclama o vello Manolo dende a leira dos Lousameー O que hai que deixarlles é unha boa pía de galletas con mel. Déixate de parvadas, Luz.
ーTi fai o que queiras ーresponde a vella dende o camiñoー pero na nosa casa sempre se lles puxo un bo par de piñas con brea ーe antes de botar a camiñar engadeー e un vaso de leite fresco!
ーXa verás como espertades coa casa toda revolta! ーberra Manolo mentres Luz marcha indiferente.
No alto dunha pola da maceira máis bonita dos Lousame dous trasnos diminutos escachan a rir. É a véspera de nadal e coma tódolos anos San Lourenzo prepárase para Noiteboa. Por Galicia adiante uns agardan ao Apalpador e outros a un vello gordo que baixa pola cheminea. A meirande parte xúntase coa familia pero a visita agárdana a noite de reis de tres exóticos estraños de dubidosas intencións. Nunca foi así para os habitantes de Penide. Xa fai séculos que reciben nas súas casas, sempre mentres dormen, os particulares trasnos do Monte do Sino: os Trubincos.
Estes trasnos son seres pequenos, barbudos e habitantes dos buracos mornos que hai polos montes da contorna de San Lourenzo. A excepción da Fraga de Nuvia. Nesa fraga os Trubincos hai xa moito que non se aventuran. Gústalles pasa-lo ano baixo terra onde conviven con mouros e outras criaturas subterráneas. Hai só dúas noites ao ano no que saen ao exterior, pero os habitantes do penaval só saben de noiteboa.
O asunto é ben sinxelo aínda que en Penide decidiron complicarse co paso dos anos. A vella Luz non vai mal encamiñada pois orixinalmente o que se lles ofrecía aos Trubincos esa noite para evitar a súa furia e, consecuentemente, unha serie terrible de falcatruadas na casa, eran piñas con brea. O que pasa é que estes trasnos son seres moi intelixentes e pronto fixeron das súas para que se lles ofrecera canto puideran desexar. Así é como en cada casa teñen unha receita diferente en noiteboa para evitar as trasnadas. Para os Lousame son galletas con mel, para os Xaráns unhas pedras bonitas e unha peseta, para os Carballa un feixe de castañas relucintes e así sucesivamente ata satisfacer as diversas demandas dos Trubincos.
A única casa que non ten unha demanda particular é a dos Cernada. Mais tamén é a única familia que pode ver os Trubincos esa noite. Ata o frío e horroroso nadal de 1907 isto non era así pero Tegra Cernada era unha moza astuta e mañosa que capturou a un destes trasnos para facerlle unha oferta que non puido rexeitar. Mentres non revolveran a súa casa e así fixesen tamén cos seus descendentes, os trasnos poderían pedir cada nadal o que quixeran para a noiteboa seguinte. Aquel Trubinco desafortunado ーque por certo, levaba por nome Xan Pequeno Pardalー. xa tería aceptado a primeira aquel trato pero é que aínda por riba Tegra ameazouno con metelo ao forno para comelo, un destino nada atractivo para tan vello ser. Pode non parecelo pero estes trasnos que non adoitan saír á superficie poden acadar facilmente o milleiro de anos.
E así é como estamos. Tódolos penideses preparando un bo prato da mellor e particular selección de cada casa para manter todo en orde. O máis curioso é que salvo os Cernada todos están convencidos de que é algún outro membro da familia o que fai desaparecer as cousas ou revolve todo para satisface-las súas demandas. En San Lourenzo hai moito que os Trubincos voltaron en lenda e todos discuten sobre que deixarlles ou non aínda cando a súa crenza é que ningún ser diminuto vai entrar na casa esa noite. Os tranos sábeno ben pero iso non lles resulta un problema sempre que reciban antes da medianoite o que queren.
O vello Manolo non o sabe pero está a piques de descubrir que este Nadal os Lousame non van evita-las falcatruadas unicamente cunha pía de galletas e mel. Para a seguinte noiteboa comezarán tamén a poñer un vaso de leite fresco.
