Julien Courcier Cortegoso

Unha ferida disfrazada de pseudofilosofía


Nos recunchos máis escuros de internet —eses foros onde se mesturan a frustración e o resentimento— naceu hai anos unha ideoloxía que hoxe, por desgraza, gañou forza entre moitos mozos. E non só en foros ocultos: hoxe espállase tamén en vídeos virais, podcasts ou contas que, baixo a máscara do “desenvolvemento persoal”, promoven esta mesma mensaxe de odio con traxe de éxito.

 

Falo do fenómeno dos incels ーabreviatura de «involuntary celibates» (os chamados “célibes involuntarios”)ー, homes que se definen a si mesmos como rexeitados sexuais e sentimentais polas mulleres. Pero isto non é só un problema de autoestima: arredor desta identidade medrou todo un sistema de crenzas que inclúe conceptos como as “pílulas” e a suposta distinción entre "homes alfa" e "homes beta". A linguaxe dun videoxogo, dun filme de ciencia ficción, para falar dunha realidade moito máis grave.

 

Porque isto non é unha moda inofensiva. Non é unha subcultura máis como quen lle colle cariño ao punk ou aos xogos de rol. Trátase dunha ideoloxía que promove o odio, o desprezo cara ás mulleres, a idealización dun modelo de masculinidade violento e o rexeitamento profundo de calquera forma de vulnerabilidade emocional. É, en realidade, unha trampa. Unha prisión mental que vende a mentira de que todo está perdido salvo que te transformes nun ser hipercompetitivo, frío e, sobre todo, masculino ーao estilo máis rancio posibleー.

 

Imos falar claro. A famosa “pílula vermella” di que, ao tomala, ves a verdade oculta: as mulleres só queren cartos, status e homes “alfa”; a sociedade está en contra dos homes de verdade; e o amor romántico é unha farsa. Porén, se escolles a “pílula azul”, estás vivindo nunha mentira, crendo en relacións igualitarias e na bondade humana. Despois está algo aínda peor: a “pílula negra”, que é o nivel extremo. Se non es guapo, rico ou alto, estás condenado ao fracaso absoluto. Non hai esperanza para ti. Neste grupo entrarían homes que falan de asesinar ou que incluso chegaron a cometer crimes violentos.

 

Por suposto, tamén está a historia dos “homes alfa” e “beta”: os primeiros serían eses homes dominantes, desexados, líderes naturais; os segundos, os mediocres, os perdedores. Unha visión case zoolóxica da sociedade humana, como se aínda vivísemos na sabana africana, loitando por ser o macho dominante do grupo. Pero a vida non é un documental de leóns. E os seres humanos non somos canteiría biolóxica pura.

 

Esta forma de pensar é profundamente simplificadora. Non só é cientificamente ridícula ーnon hai ningunha base sólida para iso de “ser alfa”ー, senón que é emocionalmente destrutiva. Convértese nunha profecía autocumprida: se pensas que ninguén te vai querer nunca, que todo está en contra túa e que as mulleres son inimigas... rematas por desenvolver precisamente as actitudes e conductas que farán que acabes vivindo xustamente así. Non porque sexa certo, senón porque ti mesmo estás construíndo esa realidade.

 

Para quen abraza esta ideoloxía, as consecuencias persoais son duras: illamento, baixa autoestima, dependencia dos foros onde se retroalimenta o odio, desconfianza constante e unha sensación crecente de desesperanza. E o máis tráxico é que moitos destes mozos non son malas persoas. Son persoas perdidas, feridas, enganadas por unha narrativa que lles prometía explicacións fáciles a problemas complexos.

 

Pero as consecuencias sociais tamén son perigosas: reproducen discursos misóxinos, normalizan o desprezo cara ás mulleres, bloquean o diálogo e crean espazos nos que a violencia simbólica e mesmo física se ve como lexítima. En casos extremos, xa houbo agresións e mesmo crimes xustificados baixo esta ideoloxía.

 

Cómpre facer unha reflexión máis profunda. Esta ideoloxía non nace do mal, senón da dor mal xestionada. De non saber como vivir o rexeitamento, de non ter referentes de masculinidade sans, de buscar culpables fóra cando o que hai que facer é mirar cara dentro. Aí está o problema: prefiren crer que o mundo é unha película cun guión predefinido no que só se pode escoller entre unha pílula ou outra. Coma se estivésemos en Matrix.

 

Pois non. Eu non tomo pílula ningunha porque non estou dentro nin fóra de Matrix. O mundo real non é unha película. Non hai escollas binarias, porque a vida real non se resolve en dilemas simples. Non hai un guión marcado no que ou es gañador ou es perdedor. A realidade é infinita, complicada e mesmo contraditoria. Hai persoas que aman sen condicións, relacións que nacen da confianza e da conversa, e vidas que non encaixan en etiquetas tan simples como “alfa” ou “beta”. 

 

Hai dor, si. Pero tamén hai beleza.

 

Por iso, dende Petapau reivindicamos a complexidade da natureza humana. A nosa capacidade para dubidar, para mudar, para aprender a querer e a deixar ser. Reivindicamos a dignidade humana fronte á deshumanización de teorías que nos reducen a instintos primarios. E chamamos a rexeitar calquera ideoloxía que se alimente do odio e da simplificación extrema.

 

E agora, se ti, lector, te recoñeces como incel ーou coñeces a quen debería escoitar estas palabrasー... permíteme dicirche algo dende o respecto: abandona. Esas ideas non che fan ben. Ese illamento, esa rabia, esa dor que sentes, só medrará canto máis tempo quedes nesa espiral. Mereces algo mellor. Non é tarde para cambiar, para conectar de verdade, para vivir sen medo nin desprezo. Non estás condenado. Non es un perdedor. Es humano, profundamente humano. E iso, creme, é moito máis poderoso que calquera pílula ideolóxica.

 

Non será xa hora de deixar de fuxir da dor… e aprender a vivir con ela?
 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.