Raquel Alonso Rodríguez

Praias desnaturalizadas

Argazo na praia de Area da Cruz (O Grove, Pontevedra) (Lameiro, 2023)

Chega o verán e chega a tempada de ir á praia, aínda que parece que nos últimos anos non precisamos estar no verán para que isto aconteza. 

Un dos escenarios no ritual de ir ás nosas fermosas praias galegas é coller o coche, chegar á praia escollida, aparcar onde se poida (ou onde non)  e por fin teremos ante os nosos ollos o mar azul e a area branca. De feito a area é moi moi branca, branquísima, non hai nada que perturbe esa impoluta cor, pero iso é o habitual, por iso son tan fermosas as nosas praias. 

 

Pero claro, esta pulcritude non é só mérito da espléndida natureza que nos agasalla esta paisaxe, senón tamén dos tractores xigantes que cada ano pasan sobre a area retirando sen piedade calquera trapallada que se atreva a alterar a brancura da area. A frecuencia de paso destas maquinas, que quizais deberían pasar a formar parte desta paisaxe, depende da obsesión persoal e tolería do xestor de quenda. No mes de maio o alcalde de Vigo, Abel Caballero (este sería xestor permanente máis que de quenda) xa anunciaba un operativo especial de limpeza que funcionará os sete días da semana, incluído festivos. Nas súas palabras: “Estarán impolutas”.

 

Preguntámonos entón, que é o que se limpa con tanta cobiza? Acaso somos tan porcos que enchemos todo de lixo cada vez que imos á praia? Pode que sexa así. Tamén é certo que durante o inverno o mar trae tal cantidade de lixo que a limpeza do principio do verán é imprescindible para evitar que camiñemos constantemente sobre plásticos e demais porcalladas de natureza humana. Unha humilde proposta para decatarnos da realidade do mundo no que vivimos sería deixar de limpar de lixo as praias e deitarnos a tomar o sol entre el.

 

Pero non só lixo limpan os tractores, tamén limpan calquera rastro que indique que nos atopamos nunha contorna natural. Nin rastro das algas que chegan á praia, e con elas, marchan os organismos que puideran telas de fogar, ou algunha pegada de vida das que fan moi interesante unha visita á praia.

 

Desgraciadamente tense moi interiorizado que as algas que deposita o mar nos areais molestan, ademais cheiran, e a súa presenza é sinónimo de abandono e de falta de limpeza,  por parte do concello, equiparable (atreveríame a dicir que aínda peor) á presenza de lixo. De cando en vez, algún concello leva a cabo a iniciativa de limpar as praias con menos frecuencia, xa sexa por recortar gastos ou por motivos ambientais. Como era de esperar, esta situación non acostuma durar moito, xa que as queixas non tardan en aparecer.

 

Non é cuestión de deixar de retirar de todo as algas, ademais a súa recollida pode ter outras utilidades. Con facelo con menos frecuencia xa chegaría, e se iso tampouco vale, con deixar de usar maquinaria pesada xa valería, pouco a pouco. De feito unha recollida menos agresiva, permite ademais de aproveitar as algas como recurso, que si que quede algunha na praia e nos siga lembrando que estamos en plena natureza, e que a natureza ás veces cheira a alga.

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.