Esmorga

Julien Courcier Cortegoso

23 de maio de 1970

A sala de interrogatorios era pequena, amarela e cheiraba a unha mestura de tabaco rancio e café requentado. A luz do teito, amarela tamén, proxectaba algunhas sombras nos rostros dos tres mozos que se achaban sentados fronte á mesa. O reloxo da parede marcaba as sete da mañá, pero ningún dos presentes parecía ter sono. 


ーCando bebeches por última vez, Cernada?


O sarxento Souto cruzou os brazos e botou o corpo cara adiante, fitando para Xián. Este amosou o branco dos ollos e bufou, coma se a pregunta fose dunha estupidez monumental.


ーEu que sei. Fai tres horas? Cando me trouxeron? Perdinlle a conta, sarxento.


ーPois deberíalo lembrar. Foi unha noite longa a vosa. Non é algo que se esqueza así coma así.


ーNon foi para tanto.


O sarxento Souto ergueu unha cella e mirou para o axente Acuña, que estaba de pé contra a parede, negando coa cabeza cun sorriso torto. Logo sacou un cigarro, acendeuno e botou a primeira calada con calma.


ーEntón, contádesmo vós ou preferides que empece polo que xa sei?


Xián apertou a mandíbula con forza e quedou calado un intre. Sentía a cabeza pesada, cun latexo xordo nos miolos. Mirou de esguello a Ana e Gabriel. Despois de todo o que pasara o asunto non pintaba moi ben para eles.


ーVale, vale. Fomos dar unha volta. Nada do outro mundo. Tiñamos que celebrar porque rematámo-los exames. Pasamos polo Rueiro para beber unhas cuncas de viño sobre as dez. Gabriel empezou co conto de que tiña que ve-lo rapaz ese de Melide, que estaba tolo por el. Xa sabes como é Gabriel.


O sarxento Souto non dixo nada, limitouse a escoitar mentres fumaba. Xián continuou.


ーO problema foi que non tiñamos maneira de ir ata alí. O último bus xa pasara e camiñar non era plan. Pero claro, estaba alí o coche de Don Sadurniño, tan ben aparcado, tan suxestivo…


ーE roubástelo.


ーCollemos prestado, sarxento. Collemos prestado.


O axente Acuña soltou unha risada contida. Souto suspirou e esmagou o cigarro contra o cinceiro, sacudindo a cabeza.


ーClaro. Sigue.


Xián tragou saliva e acomodouse na cadeira. O que viña despois non ía facerlle moita graza ao sarxento.


ーPois fomos a Melide, pero antes de busca-lo rapaz paramos nunha taberna a botar uns grolos…

 

 

 

» No Máis Palá o ambiente era festivo. Había moito bébedo celebrando o corpus cunha boa enchente de viño. O trío non pasou desapercibido. A xente de vilas veciñas recoñecía con facilidade os insurrectos habitantes de San Lourenzo. Para a maioría eran, de feito, motivo de interese dada a situación de rebelión perpetua cara o Caudillo. Por outra parte, tamén era motivo de medo e rexeitamento posto que de chegar a ouvidos dos grises que se relacionaban con penidés ningún, a represalia podía ser moi grave. Na taberna os presentes decidiron optar por non interactuar de ningunha forma. Salvo por dous deles, claro.


Para os dous irmáns Salgado ver a tres penideses na taberna bebendo e rindo sen preocupacións era dunha provocación absoluta. Aínda por riba, unha muller formaba parte daquel trío cousa que unicamente elevaba semellante agravio. Eles eran homes do réxime. Homes moi orgullosos de servir ao sacrosanto guía do pobo español. Para as súas cadradas e curtas mentes non houbera en toda a historia do reino un goberno igual. O ditador era a férrea man que levaría a todos os españois á gloria eterna. Non lles levou nin un minuto, dende que os mozos entraran na taberna, en lanzarlles unha mirada agresiva e non tardaron nin media hora en achegarse ao trío para increpalos por estaren alí.


As cousas quizáis acontecesen doutra forma de non acharse a señorita Siota entre os presentes. Mais como non foi o caso non afondaremos na alternativa do posible desenvolvemento dos acontecementos de ser esa a situación. Ana interrompeu ao irmán maior no seu discurso sobre o pouco benvidos que eran alí e procedeu a humillar daquela forma tan creativa e sarcástica dela aos dos machos bébedos. Escarmentaron o suficiente para volver ao seu sitio, pero a historia non remataría alí.

 

 

ーSiota… De verdade lle dixeches que metese a testa no seu cú de nazi para que a merda que saía da súa boca volvese ao lugar que lle pertence? 

 

A sorpresa do sarxento debíase en exclusiva a que a rapaza viñera por primeira vez á vila. Nos anos seguintes as brutas e mordaces saídas de ton de Ana Siota darían moito que falar.

 

ーAsí é. Nunca semellante fato coñecera. Non dixen nada que non deba pensar medio Melide.

 

ーAínda así… Non cres que esa resposta puido provoca-lo enfrontamento?

 

ーDe seguro. Mais non penso desculparme por poñer no seu sitio a un fascista.


A actitude da moza era calma, segura e dunha contundencia que ata para os dous axentes supoñía ter certo punto amedrantador. Os seus dous amigos, en silencio, dedicábanse a miralos aos dous e a mirarse entre eles.


ーEstá ben. Continuade co relato.
 

 


» Cando os tres amigos abandonaron a taberna foron seguidos polos irmáns Salgado que pretendían recuperar algo da dignidade que Ana aniquilara sen esforzo. A confrontación produciuse e escalou moi rápido. Antes de que Gabriel se dese de conta ou Xián puidese intervir, a súa amiga xa cruzara a cara dun dos irmáns cunha labazada que se debeu escoitar en San Lourenzo. Acto seguido, os catro homes comezaron a intercambiar o que sería descrito en días posteriores polas múltiples testemuñas como “hostias que nin o pai reparte”.


Os Salgado eran homes grandes e fortes, pero non supoñían rivalidade algunha para os amigos, moi especialmente para Gabriel que lles sacaba aos dous unha cabeza e tiña un corpo de atleta que era a envexa de moitos ーno caso das mulleres e do seu namorado, terrible obxecto de desexoー. Para cando os irmáns desistiron e emprenderon a fuxida, o Xián e o seu amigo apenas tiñan algún negrón pequeno na faciana. Sabiamente, por iniciativa da moza, emprenderon eles tamén a fuxida, sabedores de que os dous irmáns irían directamente facer unha visita á Garda Civil.

 

 

ーE supuxestes ben. Comezamos a saber da vosa glamurosa noite nese intre, cando chamou dende o cuartel de Melide o sarxento Gondar.


O Xián bosquexou un sorriso nervioso ao que a súa compañeira lle propinou un puntapé por embaixo da mesa que non pasou desapercibido.


ーParéceche gracioso, Cernada? 


O mozo borrou calquera indicio de sorriso mentres que o rostro do sarxento adquiriu unha expresión máis severa.


ーQue cres que pensará o Demo cando saiba de todo isto?


Se a faciana do Xián xa se volvera dunha seriedade total a mera mención da súa nai fixera que a súa pel adquirise un ton branco de absoluto medo. O poderoso e decepcionante ollar de Dona Alsira xa se comezaba a debuxar na súa mente. Por fortuna para el o sarxento Souto interrompeu a visión preguntando pola continuación daquela noite.


ーAsí que fuxíchedes. A onde? Volvéchedes para San Lourenzo?


Desta vez foi o Gabriel quen respondeu.


ーEra a nosa idea, si. Pero atopámonos co Marcial…

 

 

 

» Xa estaban case onde o coche cando apareceu o namorado de Gabriel a toda presa chamando por eles. Estaba nunha taberna próxima bebendo cuns amigos cando soubo da pelexa. A descrición dos tres penideses, que puxeran no sitio aos irmáns Salgado, resultáralle demasiado familiar. Quería saber que todo estaba ben, especialmente no que respectaba ao seu amor, claro. Colleuno do queixo e estudou a súa faciana con atención. “Menos mal que non che esmagaron esta cara tan bonita” comentou polo baixo. “Eses dous?” respondeu o Gabriel, “xa quixeran”.


Naquel momento quizáis a decisión máis sabia e responsable sería voltar para San Lourenzo, desculparse con Don Sadurniño e ir falar co sarxento Souto do que acontecera en Melide. Imos atribuír as pésimas decisións daquela noite ao alcohol e á xuventude dos nosos protagonistas. Non tiñan un pelo de parvos, pero certo é que perdían algunha fervura cando estaban xuntos e ademais, bebían. Así que, lonxe de iniciar inmediatamente o retorno a casa, saíron da vila acompañados de Marcial para beber unhas cervexas nun mato veciño.


A partir de aí a noite volvíase máis nubrada e confusa. Algún dos catro suxerira que xa pronto chegaría a alborada e quizáis era momento de regresar. O Marcial debeu marchar a pé para Melide. Debeu porque ningún dos tres recordaba o momento no que o mozo botara a andar. Eles subiron ao coche e dispuxéronse a regresar a San Lourenzo. Nalgún punto do traxecto todo se volveu escuro para os tres.

 

 

ーEsnafrádede-lo coche con vós dentro.

 

O ton do sarxento Souto adquirira unha gravidade coma nunca antes durante aquela conversa. Ergueuse sobre a mesa o xusto para cruza-la cara dos tres mozos cunha única, consecutiva e sonora labazada.

 

ーSodes uns inconscientes. E ti o que máis, Xián.

 

Escoitar o seu nome de pía foi posiblemente unha das cousas que máis lle doeron aquela noite. O sarxento empregábao en moi poucas ocasións e todas elas tiñan en común un orgullo moi grande ou unha decepción maiúscula.

 

ーQue fixerades tal barafunda en Melide é un poblema. Sorte teremos se non volven por aquí as forzas do Caudillo a tentar conquistar San Lourenzo. Pero esnafrarvos co coche… para morrer! 


Se o sarxento fixera un admirable exercicio de contención ata ese instante rematou por perder tódolos papeis.


ーA quen carallo se lle ocorre colle-lo coche con semellante chea?! Estades parvos? A próxima vez, se é que hai próxima porque penso asegurarme de que non volvades beber no Rueiro no que vos queda de ano… vides a pé! A pé!! E directos á comisaría! Como me volva a enterar de que liades outra igual, por calquera que non sexades vós, mándovos a Compostela dunha patada! Entendido?


ーEntendido.


Os mozos responderan, encollidos de vergoña, cunha soa voz. Non sabían onde meterse. Mentres repasaban a noite e o alcohol ía desaparecendo dos seus corpos, a decepción consigo mesmos era cada vez maior. O sarxento, volvendo a facer exercicio de contención, corrixiunos tallantemente.


ーEntendido, señor. 


O axente Acuña, dando por feito que aquel interrogatorio rematara, sacou un cigarro do peto e dispúxose a saír da sala mentres fumaba.


ーAxente Acuña, acompañe a estes tres a casa dos Cernada. Non diga nada, pero asegúrese de que lle contan ao Demo exactamente canto sucedeu. Que durman a mona e así como esperten que vaian á casa de Don Sadurniño a desculparse e a traballar para el ata que paguen o coche.

 

E xusto cando o Xián, o último deles, saía pola porta, sabedor de que só el lle escoitaría, engadiu:

 

ーEu vou asegurarme de que San Lourenzo non reciba outra visita militar.
 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.