Póla de xesta nun canastro polos maios
Chega maio. As xestas estouran coas súas flores amarelas, os carballos xa encheron as súas copas de follas e nos montes abrolla o verde por canto recuncho hai. Na nosa máxica tradición comeza o ciclo dos Maios como conmemoración da primavera, da vida e do renacemento.
Os seus protagonistas ーestruturas cubertas de flores, herbas e froitos, cantos, figuracións e rapazada cuberta de motivos vexetaisー transforman vilas e cidades nun espectáculo de cor e nunha chamada colectiva á abundancia, á esperanza e a celebrar a chegada do sol e a calor. Trátase dun festexo do presente, pero tamén dunha conversa co pasado: xa que é unha tradición antiga e universal humana.
Neste artigo percorremos as discutidas orixes dos maios, a súa evolución ao longo dos séculos, as súas conexións con festas primaverais doutras culturas e a súa situación actual en Galicia.
Falarmos dos Maios é mergullarnos nunha tradición fonda, cuxas raíces se perden nos tempos nos que a natureza e a súa renovación anual marcaban o ritmo vital das sociedades. A pesar de que non existe unha única teoría definitiva sobre a súa orixe, a meirande parte dos investigadores coinciden en vincular esta celebración con antigos rituais de exaltación primaveral, probablemente de orixe prerromana, celta ou indoeuropea.
O antropólogo Rafael Quintía destaca que o ciclo dos Maios é unha manifestación da relixiosidade primitiva, asociada á fecundidade, á renovación da natureza e á supervivencia da comunidade. Segundo Quintía, estes rituais respondían á necesidade humana de propiciar boas colleitas e garantirmos a fertilidade dos campos e dos animais, nun mundo onde o ciclo agrícola era cuestión de vida ou morte. De feito, atopamos referencias a prácticas similares en multitude de culturas, sempre ligadas ao paso do inverno á primavera e ao renacemento simbólico da vida.
Coa chegada do cristianismo, moitas destas festas pagás foron reinterpretadas ou absorbidas polo calendario relixioso ーpráctica habitual da Igrexaー. En Galicia, os Maios sobreviviron en formas populares, agochados entre festas marianas ou vinculados a celebracións locais dalgún santo, mais conservando o seu substrato simbólico: a exaltación da natureza e da fertilidade.
A Xunta de Galicia, a través dos seus materiais de divulgación cultural, tamén recoñece esta orixe ancestral e sinala que os Maios, tal e como hoxe os coñecemos, resultan da evolución histórica dunha serie de manifestacións diversas que inclúen desde as construcións vexetais ata as coplas satíricas. Nalgúns casos, como recolle Orgullo Galego, mantívose a práctica de coroar á árbore ou de adornar figuras humanas cubertas de flores e herbas, rituais que gardan claras conexións con cultos antigos.
A evolución histórica dos Maios non foi lineal. Durante séculos, estas celebracións gozaron dunha vitalidade popular espontánea, que foi esmorecendo coa industrialización, a urbanización e os cambios sociais dos séculos XIX e XX. En moitos lugares desapareceron ou quedaron reducidas a manifestacións anecdóticas. Mais nas últimas décadas, grazas ao labor de asociacións culturais, concellos e iniciativas de recuperación patrimonial, os Maios viven un novo renacer, combinando tradición e innovación.
O ciclo dos Maios non é unha rareza illada no mundo: forma parte dun fenómeno universal, unha resposta ancestral da humanidade á forza dos ciclos naturais. Desde tempos antigos, en practicamente todas as culturas, o ser humano sentiu a necesidade de celebrar o renacer da vida, o paso das estacións e a renovación da natureza.
É certo que en latitudes temperadas, coma a galega, a chegada da primavera ーcoa súa explosión de flores, cores e vidaー constitúe un momento especialmente simbólico, motivo de festas e rituais. Non obstante, en moitas outras rexións do planeta, especialmente nas zonas tropicais, onde as estacións non se diferencian en catro etapas, senón en dúas épocas ーa seca e a de choivasー, as celebracións naturais poden centrarse noutros momentos clave do ciclo anual.
Así e todo, o fío condutor permanece inalterable: o recoñecemento e a exaltación dos ritmos da natureza, sexa no reverdecer das campías europeas, no inicio da tempada das flores en África, ou no renacemento espiritual que trae a fin do inverno en Asia. O espírito que anima os Maios galegos ten ecos profundos noutras celebracións repartidas polos cinco continentes.
Así, atopamos festas que, malia a diversidade de formas e expresións, comparten esa mesma esencia que atopamos nos Maios galegos como son:
Beltane (Irlanda e Escocia)
É unha antiga festividade celta celebrada na noite do 30 de abril ao 1 de maio, que marcaba a transición á metade luminosa do ano. Acendíanse grandes fogueiras para protexer o gando e garantir a fertilidade dos campos. O lume, símbolo de purificación e vida, xunto coa honra á natureza, sitúan Beltane coma un claro parente espiritual dos nosos Maios.
Floralia (Antiga Roma)
Na Roma clásica, Floralia era o festival dedicado a Flora, deusa das flores e da fertilidade. Celebrábase entre finais de abril e comezos de maio con xogos, teatro, desfiles e adornos florais. A exaltación da vexetación e da sexualidade como forza vital ten moitas conexións simbólicas co espírito dos Maios galegos.
Fête du Muguet (Francia)
En Francia, o 1 de maio celébrase regalando ramiños de muguet ーcampaíñas de maioー como símbolo de boa sorte e felicidade. A tradición, aínda viva, herda o costume de asociar a floración e o renacer natural co desexo de prosperidade, do mesmo xeito que os Maios celebran a abundancia e o ciclo da vida.
Ederlezi (Pobo romaní)
Para o o pobo romaní, en relación ao día de San Xurxo ー23 de abrilー, celebran o retorno da primavera, sendo esta unha das súas festas máis grandes. Mestura tradicións cristiás con antigos ritos pagáns: a decoración de casas con ramas verdes e flores, a danza do kolo ou a bendición dos campos. Algúns rituais inclúen o baño en auga con flores. Todo un culto á natureza renacida que irmanda ao pobo romaní coas nosas celebracións galegas.
Hanami (Xapón)
O Hanami, a contemplación das flores de cereixeira, é quizais unha das celebracións primaverais máis coñecidas do mundo. A través da beleza efémera das flores, os xaponeses celebran a renovación da vida, a súa fugacidade e a esperanza do futuro. Un sentimento que, aínda con formas distintas, conecta coa nosa admiración pola natureza que se expresa nos Maios.
Holi (India e Nepal)
O festival de Holi é unha explosión de cor e alegría que celebra a chegada da primavera. As persoas lánzanse pos de cores, danzan, cantan e esquecen as diferenzas sociais nunha festa que simboliza a renovación da vida e a igualdade. A forza vital que transmite Holi é universal: o desexo de comezar de novo coa chegada da estación verde.
Festival das Flores (Madeira)
Especialmente en Funchal ーa capitalー, a fin da estación de choivas e o inicio da floración celébrase con festivais cheos de música, danzas e adornos florais; comezando por un impresionante tapiz de flores e desfiles de carrozas florais. Unha vez máis a natureza marca o ritmo da vida e convértese en protagonista da festa.
Powwows primaverais (indíxenas norteamericanos)
Os pobos indíxenas norteamericanos celebran powwows especiais coa chegada da primavera. Estes encontros festivos inclúen danzas, músicas e rituais de agradecemento á natureza. Coma nos Maios, o vínculo espiritual coa terra e o respecto polos seus ciclos son fundamentais nestas celebracións.
Na actualidade, como xa se dixo anteriormente, os Maios están experimentando un novo renacer ーnunca mellor ditoー grazas ao traballo e o esforzo colectivo. Dende Petapau queremos reafirmar o deber e a necesidade de continuarmos con estas tradicións para honrarmos o noso marabilloso patrimonio inmaterial.
Velaquí unha selección dos eventos vinculados a este ciclo dos maios que vai ter lugar:
Póla de xesta nun portal de casa
Marín
Venres 2 de maio
Ata o luns 5 de maio
Porto do Son
Sábado 3 de maio
Ourense
Domingo, 4 de maio
Viveiro
Sábado 10 de maio
Arteixo
Venres 23 de maio
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.