Ilustracións: Lorena de Roo Rivadulla
Redacción: Julien Courcier Cortegoso
Corzo - Do 24 de decembro ao 20 de xaneiro
Se pensabas que as cousas ían mellorar, cómpre baixar as expectativas. Cando vexas que a túa serie favorita engade unha nova tempada innecesaria, lembra que a túa vida está a seguir o mesmo patrón.
Compatibilidades: O Miñato compartirá os teus lamentos. O Raposo, en cambio, será con toda probabilidade o causante deles.
Donicela - Do 21 de xaneiro ao 17 de febreiro
Vas perder algo este mes: pode ser a paciencia, as chaves de casa ou unha aposta estúpida. O caso é que a culpa será túa. Alguén tentará axudarte, pero non o fará ben, así que rematarás peor do que empezaches.
Compatibilidades: Ollo coa Vaca, podería ser esa axuda pouco frutífera. Evita o Cabalo, só complicará máis as cousas.
Serpe - Do 18 de febreiro ao 17 de marzo
O destino darache unha oportunidade de redención, mais probablemente a desaproveites por orgullo ou vagancia. Ademais, chegará aos teus ouvidos un rumor sobre ti; finxe que non che afecta, pero vixía as traidoras.
Compatibilidades: O Petapau será bo aliado, pero a Bolboreta vai dar moito que falar.
Raposo - Do 18 de marzo ao 14 de abril
A confusión seguirá o seu curso e as túas boas intencións serán malinterpretadas. Alguén acusarate de algo que non fixeches, pero tampouco terás probas de que non fora así. O mellor será que optes por un silencio misterioso; pode mellorar a túa reputación.
Compatibilidades: A Troita será boa compañeira de aventuras. O Corzo, en cambio, vai tela tomada contigo.
Vaca - Do 15 de abril ao 12 de maio
Alguén virá pedirche un favor e será difícil dicir que non sen parecer unha persoa horrible. O problema? Que se dis que si, tamén te arrepentirás. O Oráculo recomenda practicar a arte de desaparecer cando se achegue alguén con cara de precisar axuda.
Compatibilidades: A Garza saberá consolarte. A Serpe, en cambio, tentará convencerte de facer xustamente o que non debes.
Píntega - Do 13 de maio ao 9 de xuño
Este mes parece feito para poñerte a proba. Se esperabas tranquilidade, xa podes esquecelo. Haberá un momento incómodo que lembrarás durante anos, así que acepta que vas sumar outro trauma social ao teu historial.
Compatibilidades: A Donicela será a túa principal fonte de comprensión. Ollo co Lobo porén, só pretende facerte sentir peor.
Petapau - Do 10 de xuño ao 7 de xullo
Nada sairá como esperabas. Os teus plans complicaranse e as túas expectativas esnaquizaranse por completo. Se algo pode ir mal, probablemente irá peor. O lado positivo? Non tes o hábito xa?
Compatibilidades: Busca distracción no Cabalo. Se queres saber as verdades que non queres oír faille unha visita á Garza.
Cabalo - Do 8 de xullo ao 4 de agosto
Terás que morder a lingua máis dunha vez este mes, a non ser que queiras iniciar unha guerra aberta. Se decides dicir todo o que pensas, prepara un bo feixe de tarxetas de desculpas predeterminadas.
Compatibilidades: A Bolboreta apoiará a túa causa. A Vaca, en cambio, cansará moi rápido das túas reivindicativas teimas.
Troita - Do 5 de agosto ao 1 de setembro
Este mes o universo decidirá castigar a túa pasividade. Algo que levas tempo ignorando vai estouparche na cara. Tampouco practiques en exceso a toma de decisións activa ou será peor. Non digas que non recibiches o aviso. Ambiguo? E a min que.
Compatibilidades: A Píntega será todo o que está ben para ti este mes. Fuxe do Petapau porque xa ten problemas dabondo.
Garza - Do 2 ao 29 de setembro
Se hai algo que temes que ocorra, prepárate. Iso si, non será tan malo como o imaxinas, pero tampouco agradable que se diga. Mantén a dignidade ata onde poidas, e cando non poidas máis… polo menos intenta non ter testemuñas.
Compatibilidades: O Miñato comprenderá a túa paranoia aínda que te xulgue. Iso si, o Raposo vaise rir de ti e dela.
Bolboreta - Do 30 de setembro ao 27 de outubro
Os cambios poden ser bos, pero ti non estás preparado/a para eles. Algo que agardabas con ganas sufrirá unha transformación inesperada. Podería ser unha subida no prezo do café ou algo máis importante, pero en calquera caso, será causa de molestia.
Compatibilidades: Este mes será mellor que vaias por libre.
Lobo - Do 28 de outubro ao 24 de novembro
O teu instinto vai conducirte a tomar decisións… canto menos… arriscadas. O problema? A xente. Sempre é a xente. Se non queres acabar cun motín ou cunha agresión procura practicar a triple arte da cooperación, a paciencia e o silencio.
Compatibilidades: Ninguén entenderá a túa loita pero o Miñato, aínda que sinale todos os teus erros, será un apoio.
Miñato - Do 25 de novembro ao 23 de decembro
A túa claridade mental non será ben recibida este mes. Se lle dis a alguén unha verdade dolorosa, prepárate para unha resposta igual de contundente. O Oráculo recomenda a máxima filtración dos teus comentarios… ou polo menos unha ardua preparación emocional para asumir as consecuencias.
Compatibilidades: O Lobo levarate de festa para evadirte un rato. A Donicela, por outra parte, vai poñerte con forza no teu sitio.
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.