O último segredo de Santa Xermana

Julien Courcier Cortegoso

A Abadía de Longchamp, situada ás aforas de París, é un convento de clarisas fundado no século XIII. A abadía é especialmente coñecida polo seu fondo de manuscritos medievais, entre os que destaca o Liber Sanctae Germanae.

 

Este manuscrito consiste nun códice de corenta e dúas follas de pergamiño, escrito en latín e profusamente iluminado. Narra a vida e as visións místicas de Santa Xermana, fundadora lendaria da comunidade. As súas miniaturas, elaboradas con pigmentos brillantes e ouro fino, destacan pola representación idealizada das figuras: rostros de faccións delicadas, cabelos louros e ollos azulados, símbolos dunha pureza espiritual que transcende a raza humana. 

 

En tempos recentes, a abadía ofreceu a posibilidade de que algúns investigadores estudasen a súa valiosa biblioteca, sempre baixo estritas normas de acceso. Non obstante, rexistrouse a visita dunha anticuaria alemá, Dona Annaliese Vogel, poucos meses antes, un dato que semella ser discretamente omitido polos responsables do arquivo.
 

A fiabilidade dos testemuños evalúase de 1 estrela (★☆☆☆☆) a 5 estrelas (★★★★★). Isto non ten que ver co nivel de sospeita ou credibilidade das testemuñas senón coa coherencia do testemuño e o seu nivel de concordancia coas probas ou feitos.

Testemuños

Dra. Léa Duval  ★★★★★
"O manuscrito presenta inconsistencias evidentes: algúns pigmentos usados nas miniaturas non existen antes do século XIX. Ademais, a paleografía mostra erros que un escriba medieval non cometería. Algo non encaixa. Solicitei permiso para realizar unha análise máis detallada, pero a superiora pareceu reticente. Agora, tras a desaparición do manuscrito, todo me resulta aínda máis sospeitoso."

  •  Observación: Investigadora seria, metódica e sen intereses ocultos. A súa opinión sobre a autenticidade do manuscrito non está sesgada.

Abadesa Catherine Dubois ★★☆☆☆
“O que desapareceu é un obxecto material. O importante é a fe que representa. Non debemos deixar que a ansia de posesións mundanas nos aparte da nosa verdadeira misión. A soberbia que move á Dra. Duval é a típica da súa ralea. O seu interese non é honrado.”

  • Observación: Actitude defensiva e evasiva, mostra frialdade ante o roubo e hostilidade cara a investigadora.

Dona Annaliese Vogel ★★★★☆
"Visitei a abadía de Longchamp como parte da miña investigación sobre manuscritos monásticos. Chamoume a atención o excelente estado de conservación do Liber Sanctae Germanae, inusual para unha peza do século XIII. Solicitei permiso para examinalo de preto, pero a abadesa rexeitou educadamente a miña petición."

  • Observación: A señora Vogel aporta unha perspectiva externa valiosa. Semella sincera e aparentemente sen nada que ocultar.

Sor Claire ★★★★☆

"Sempre me intrigou esa parte da biblioteca. Hai zonas que foron restauradas despois da guerra. Algúns muros parecen máis novos... Despois do roubo, notei que a nai Catherine estaba menos preocupada que outras veces. Ademais, a noite anterior ao roubo, pareceume ver unha sombra movéndose polos corredores. Non me gusta esta situación. Tanta investigación e tanta xente… Fisgar non é cousa boa."

  • Observación: Persoa curiosa e aberta, aparentemente sen motivos ocultos de ningún tipo.

Sor Isabelle ★★★★☆

"Sempre sentín que a verdadeira riqueza da nosa biblioteca non reside nos obxectos, senón nas historias que gardan. Algúns manuscritos están envoltos en capas de lenda e esquecemento. Ás veces, as cousas non son exactamente como se contan... pero iso forma parte dos misterios da abadía, non cre? De todas formas, vaia con coidado, pois cando un remexe nas cinzas, non sempre atopa lume… pero pode chamalo.”

  • Observación: Sor Isabelle mostra unha actitude ambigua. A súa reflexión suxire que podería saber máis do que admite.

Cronoloxía coñecida

 

 

  • S. XIII: Redacción do Liber Sanctae Germanae.
  • 1945: Primeiros planos do convento no que xa non figuran dúas salas anexas á biblioteca.
  • Actualidade:
    • Dous meses atrás: Visita da anticuaria Annaliese Vogel.
    • Fai unha semana: Dra. Léa Duval visita a abadía para estudar o manuscrito.
    • A noite anterior: O manuscrito exposto desaparece misteriosamente.

 

Sor Agnès ★★★☆☆

"Recordo, de moza, que unha noite nos mandaron pechar as portas da biblioteca. Dixéronnos que esquecésemos aquilo. Había movemento, libros… carpinteiros quizais? Agora, con todo este rebumbio, volvéronme á mente aquelas lembranzas."

  • Observación: Memoria fragmentaria. O seu testemuño podería non ser moi fiable en todos os detalles.

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.