María Lago Bernárdez
DÚAS ARTISTAS. DÚAS MULLERES. DÚAS MIRADAS.
Andrea Davila Rubio e Raida Adon na XXXII Bienal de Arte de Pontevedra
A Bienal de Arte de volta en Pontevedra
Do 21 de xuño ao 30 de setembro deste ano terá lugar a XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, de volta na cidade tras 15 anos, que foi organizada por última vez no 2010.
Baixo o lema “Volver a ser humanos... ante a dor dos demais”, máis de sesenta artistas de corte nacional e internacional exporán as súas obras arredor de varias sedes. A principal será o Museo de Pontevedra, co-organizador do evento, ao longo dos seus diferentes edificios entre os que se atopa como novidade o Convento de Santa Clara. Ademais, as diferentes mostras terán lugar noutros novos espazos como a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, a Fundación Manuel Moldes ou a Fundación RAC (Rosón Arte Contemporáneo), entre outras.
A Bienal de Pontevedra goza de ser a máis antiga de España, con máis de cincuenta anos de historia dende a súa primeira edición en 1969. Nesta última extenderase por vez primeira a diferentes concellos como son o de Vigo, Ponteareas, O Grove e Sanxenxo, nos que se realizarán numerosas actividades e mostras.
Pontevedra converterase así, durante os meses do verán, nun lugar de encontro entre creadores e cidadáns. Deseñada polos comisarios Antón Castro e Iñaki Martínez Antelo, a Bienal aspira a ser un punto de referencia da arte contemporánea actual, entendida non só como unha revelación plástica, senón como un conxunto de manifestacións culturais que reflictan o que está a acontecer no mundo e tamén na cidade anfitrioa. É por iso que, dentro do concepto de “artes vivas”, outras expresións artísticas como a música, as performances ou mesmo o deporte terán cabida nesta esperada cita.
Os temas tratados terán como foco o panorama político e social actual: conflitos armados, a intrusión das novas tecnoloxías na vida cotiá ou a loita polos dereitos de diferentes colectivos.
Dúas artistas. Dúas mulleres. Dúas miradas
Dende o espazo de dinamización de igualdade de xénero de Petapau, centrámonos no proxecto e traxectoria de dúas artistas participantes, en concreto: Andrea Davila Rubio e Raida Adon, que exploran nas súas pezas estas preocupacións mencionadas, tanto como individuos como seres pertencentes a unha colectividade.
Andrea Davila Rubio realizou nos últimos anos diversas estadías en diferentes institucións como a Academia de Arte e Deseño de Basel (Suíza), onde afianzou a súa novel carreira como escultora contemporánea, sendo actualmente investigadora predoutoural da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Nos seus últimos proxectos, como Atravesar el jardín/entre las dos esquinas (2023) ou Cuerpos, afectos, territorio (2023) Davila transita pola idea de reflectir na materia a súa experiencia sensorial e memorial coa natureza, o xardín e o corpo, conceptos cos que continúa experimentando na súa obra actual. Baixo o título The body is earth, which becomes garden at the touch of water exporá na XXXII Bienal de Pontevedra o resultado do programa de residencia Novos Valores que lle foi concedido a comezos de ano.

Sitting piece for 2 (2021)
Andrea Davila Rubio
Homenaxe a Marina Abramovic e Raida Adon (2020) Drora Dekel. Collage.

Raida Adon, pola súa banda, é unha artista palestina cuxa obra denuncia o xenocidio levado a cabo por Israel na súa terra. A través da súa pintura, de corte surrealista e con referencias estilísticas e iconográficas a pintoras internacionais recoñecidas como Leonora Carrington, Frida Kahlo ou Dorothea Tanning, Aidon expresa a perda da súa identidade como ser errante despoxado forzosamente de Acre, a súa cidade natal, e as consecuencias que isto tivo na súa relación coa non-pertenza do seu propio corpo. Con especial sensibilidade, mostra a complexidade destas cuestións nas súas pezas de videoarte, destacando entre moitas A woman without a home (2025) ou The other side (2025), de forte carga simbólica.
Corpos e espazos
A presenza destas dúas artistas na volta da Bienal de Arte de Pontevedra non só achega dúas propostas de gran forza estética e expresiva, senón que tamén permite abrir novos camiños de reflexión sobre a identidade, a memoria e a relación co espazo que habitamos e que, en ocasións, nos habita. Dúas mulleres, dúas miradas, dúas formas de analizar o mundo e interrogalo, pero un mesmo punto en común: a arte como motor de diálogo e transformación dende novas perspectivas.
Páxinas web de consulta da obra das artistas:
Outras fontes consultadas: Páxina web da Deputación de Pontevedra, Turismo de Galicia, Universidade de Vigo, Pontevedraviva; redes sociais da Deputación, do Museo de Pontevedra e das artistas.