María Lago Bernárdez

Pinceladas:

Trasmallo de luz

Ficha de identificación

 

TÍTULO: Trasmallo de luz.

 

AUTORÍA: Olivier Courcier.

 

CRONOLOXÍA: 2025.

 

TÉCNICA/ MATERIAIS: Escultura contemporánea. Resina epoxi coloreada con óleo sobre bastidor de madeira.

 

DIMENSIÓNS: 25 × 45 × 2,5 cm


 

A obra

 

Nesta nova sección do apartado de Arte falamos cun dos nosos membros da revista, Olivier Courcier, estudante de Belas Artes, sobre os seus primeiros pasos como creador. Adentrámonos de cheo nunha das súas últimas pezas, Trasmallo de luz, actualmente exposta no Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela.

 

Esta obra xorde co galo do concurso Apiarte organizado por Maisquemel, cuxo obxectivo era o de reivindicar o papel das abellas e a apicultura e a súa relación coa tradición galega. Para elo, Courcier optou por xogar co concepto da colmea, intervindo dúas alvarizas reducidas en tamaño que actúan como soporte do que semella unha vidreira moi particular. No seu interior obsérvanse os hexágonos propios das celas, realizados con resina epoxi sobre un panal orixinal a modo de molde, aos que lles engadiu cor con óleo. 
 

A idea era realizar principalmente un xogo estético entre os materiais empregados e as características plásticas da mel e da cera, producidas polos insectos protagonistas. A semitransparencia conseguida e o baile de cores primarias que xeran diferentes subtons entre si, danlle precisamente título á peza, nese interese por capturar e modificar a luz que os atravesa. A composición, que cabalga tamén entre os espazos ocupados e os baleiros, xera de novo un vaivén visual que invita ao movemento. 
 

O autor

 

Courcier apunta que a súa traxectoria artística ven determinada polo seu interese en proxectar ideas e deseños máis alá dunha necesidade de expresión sentimental, considerando a súa produción xenuinamente formal.

 

Dende que comezou a carreira de Belas Artes, que cursa actualmente en Pontevedra, tivo unha predilección pola escultura, tanto pola talla de madeira e pedra como por outras técnicas aditivas. Cun claro interese polos materiais naturais como poden ser os xa mencionados xunto co barro ou incluso o xeo, as súas obras adoitan realizarse a partir de elementos reutilizados e de proximidade, como madeiras de árbores autóctonas ou granito.
 

Actualmente, a súa maior preocupación artística está centrada, como xa apunta en Trasmallo de luz, na descontinuidade plástica que se pode xerar en diferentes materiais primarios, como a integración de estelas sobre madeira procesada ou o xogo de texturas que produce colocar borra sobre granito. 

 

Consciente ou inconscientemente, o uso de materiais da xeografía galega, así como o traballo máis artesán na confección das súas pezas, sitúan a liña artística de Courcier ligada ao imaxinario galego máis popular, traballado, iso si, por un conceptualismo máis minimalista que crea inevitablemente, novas lecturas do mesmo. 

 

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.