Un ano máis autorízase a pesca dunha especie en perigo crítico de extinción

A anguía está ao bordo da desaparición, mentres a súa pesca continúa autorizada ano tras ano.

Natureza morta, salmonete e anguía (Edouard Manet, 1864)

O pasado 31 de marzo publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se autoriza a pesca da anguía na Ria de Vigo e na Ría de Arousa. Así, a veda permanecerá aberta dende o 1 de abril ata o 30 de setembro. Isto non tería nada de excepcional se nón fose porque a anguía está considerada en perigo crítico de extinción dende o ano 2018, xa que as súas poboacións comezaron a decaer a finais dos anos 70 e actualmente reducíronse nun 95%.

 

Existen diversas causas para esta dramática redución. Por unha banda, son vulnerables a un parasito chegado coa introdución da anguía asiática. Ademais, ao tratarse dun peixe catádromo (que nace no mar, pero vive no río), os múltiples obstáculos construídos polos humanos dificultan o seu remonte. Porén, un dos factores máis preocupantes segue a ser a súa intensa explotación comercial.

 

Ata os anos 80, en España, o único método de produción de anguía era a pesca de exemplares salvaxes, tanto na súa fase larvaria, as coñecidas como angulas ou meixóns, coma na adulta. Era un peixe tan abundante que non só se pescaba nos ríos preto da costa, senón que estaba presente ao longo de todos os ríos do territorio, en zonas tan interiores coma Albacete. Non obstante, na actualidade, a súa presencia está recluída ás zonas costeiras.

 

A partir da caída das capturas comézase a producir por acuicultura, forma maioritaria na actualidade. Aínda así, o proceso do cultivo da anguía non reduce a presión sobre as poboacións salvaxes, xa que, polo momento, aínda non fomos quen de reproducilas en catividade e seguimos dependendo da captura de crías cando se dispoñen a remontar os ríos. Ademais, non só se comen os exemplares adultos, tamén se consomen meixóns cun prezo que converte un animal a piques de desaparecer nun produto de luxo.

 

A gran viaxe da anguía

 

A forma de vida das anguías foi un misterio durante milleiros de anos. Como só se coñecían exemplares adultos , esta especie parecía non reproducirse, e todos os naturalistas dende Aristóteles preguntábanse como isto era posible.

 

E non é de estrañar, xa que a anguía que se pesca nos ríos Europeos, nace no mar dos Sargazos, no outro lado do Atlántico. Dende alí, as larvas nadan coa corrente do Golfo ata as costas europeas e introdúcense nas desembocaduras dos ríos que proceden a remontar. Este será o seu fogar durante toda a súa etapa de crecemento que pode chegar a ser de 15 ou 30 anos. Unha vez completada esta fase dispóñense a regresar ao mar dos Sargazos para reproducirse, camiño que fan sen alimentarse. Postos os ovos, as anguías morren e comeza o ciclo de novo.

 

Medidas administrativas e conciencia social

 

A causa do perigo crítico que sofre a anguía non é exclusivamente a pesca, senón que se debe a unha acumulación de factores. O que si está claro é que a súa explotación comercial non axuda á súa recuperación. A Unión Europea obriga, dende 2007, a que os países con presenza de anguías establezan plans de xestión, coma os que se aplican en Galicia cada tempada. Pero non parece unha medida especialmente ambiciosa para unha especie que está a punto de extinguirse. Quizais unha medida máis proporcional ao tamaño da súa poboación sería deixar de pescala e, sobre todo, de consumila. Seguir coméndoa hoxe pode significar non poder comela nunca máis.

 

 

 

Para saber máis:

 

https://besjournals.onlinelibrary.wiley.com/doi/full/10.1111/1365-2664.12446

Raquel Alonso Rodríguez

©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.

Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones

Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.