Co gallo do Día das Letras Galegas, dende Petapau queremos rendir a nosa particular homenaxe ás protagonistas deste ano. Si, en plural e en feminino: as cantareiras como transmisoras da poesía popular oral.
Por segunda vez na historia deste certame, este adícase a unha comunidade (en 1998 homenaxeáronse aos trobadores da ría de Vigo e á poesía medieval), formada nesta ocasión por milleiros de mulleres anónimas. O recoñecemento oficial por parte da Real Academia Galega céntrase en seis mulleres: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda (Mens, Malpica); aínda que ben podemos aludir a elas como as representantes dunha ampla lista de mulleres que, acompañadas dos seus instrumentos na maioría dos casos, constitúen a columna vertebral do cancioneiro popular galego.
Suxeito pasivo de transmisión da nosa lingua, festas, romarías e diversas xuntazas constitúen dende fai moito o nexo de unión das súas letras, que non son soamente unha forma de expresión propia da nosa xente, senón que representan intrinsecamente a cultura dun país: o noso. Relegadas principalmente ao ámbito rural, estas creadoras encargábanse de transmitir de xeración en xeración letras populares que falan do seu modo de vida e da súa maneira de relacionarse co seu núcleo máis ou menos inmediato e coa súa contorna.
O feito de que a academia adique este día á voz popular, non individual e anónima é reivindicativo en si mesmo. As mulleres de todos os pobos desempeñaron un rol fundamental na salvagarda, transferencia e práctica da música de tradición oral. Hai que ter en conta que a gran maioría da música realizada non está escrita, senón que reside no dominio popular que o difunde ao longo dos anos a través da oralidade.
Nesta ocasión realizaremos un breve percorrido por pezas pictóricas nas que estas cantareiras foron representadas ao longo da nosa historia máis recente.
Coa chegada do Romanticismo o foco ponse no popular, converténdose a indumentaria, obxectos cotiáns e demáis accesorios no centro das representacións gráficas. Na segunda metade do s. XIX, ao igual que ocorre na pintura española, dáse en Galiza unha clara preferencia polo costumismo, que busca escenificar a imaxe prototípica do galego e a súa contorna, e que á súa vez se ve reforzada polo tratado na literatura do momento co Rexurdimento.
O primeiro exemplo que destacamos é A saída da misa nunha aldea das proximidades de Santiago de Galicia (1862) de Dionisio Fierros Álvarez. Este autor, de orixe asturiano, pasou varios anos da súa vida artística na Galiza, adicándose a retratar á xente das aldeas co obxectivo de inmortalizar as súas costumes e tradicións, tales como as romarías. Nesta peza obsérvanse varios músicos, entre os que destacan gaiteiros, e un home ao fondo axitando unha pandeireta, instrumento tradicionalmente asociado ao canto. Con todo, a representación musical aquí reside aínda no colectivo masculino.
A saída da misa nunha aldea das proximidades de Santiago de Galicia. 1862. Dionisio Fierros. Óleo sobre lenzo. Museo de Belas Artes de Asturias (Depósito do Museo do Prado)
Outro exemplo correspondente ao mesmo periodo artístico, aínda que realizada noutra técnica, é Romaría de San Cosme en Baiona, do debuxante Francisco Pradilla y Ortiz e o gravador Bernardo Rico y Ortega. Nesta ocasión observamos en primeiro plano a un grupo de mulleres que tocan a zanfona e a pandeireta mentres cantan.
Romaría de San Cosme en Baiona. Ca. 1875. Debuxante: Francisco Pradilla y Ortiz. Gravador: Bernardo Rico y Ortega. Arte gráfico, xilografía. Museo de Pontevedra.
Xa na década de 1930, co xurdimento da critical theory e a súa repercusión no ámbito cultural, empeza a introducirse na musicoloxía unha visión que tenta cuestionar os seus paradigmas cun relato no que os valores masculinos, tomados por universais, cambalean. Pouco a pouco faise patente este cambio e cara a década dos setenta introdúcense nos estudos de música as creadoras e intérpretes mulleres, aportando un enfoque máis completo, aínda que relegado ao ámbito culto. Mentres tanto, a etnomusicoloxía (termo empregado para referirnos ao estudo da música a través da súa relación coa sociedade, tradicionalmente asociada a unha análise máis desarraigada da academia e á música popular), seguía tendo unha mirada esencialmente masculina.
No ámbito das artes plásticas podemos destacar no S. XX figuras como Roberto González del Blanco, coa súa obra Foliada, onde aparecen representados en primeiro plano un grupo de músicos tradicionais aínda que, de novo, a muller carece de instrumento. Pero sen dúbida, falar de cantareiras, de música e de tradición galegas sen mencionar a Castelao, é inconcibible. Recoñecido polos seus debuxos e caricaturas, reflexo da sociedade caciquil da época, ilustra carteis para edicións como as de Nós. A través deles, baixo un claro corte nacionalista, ponlle voz á realidade do pobo galego e moitas son as ocasións nas que inmortaliza a mulleres cantareiras, como se observa en varios dos seus bosquexos.
Foliada. 1923. Roberto González del Blanco. Óleo sobre lenzo. AFundación.
Grupo de mulleres tocando a pandeireta. Ca. 1940. Castelao. Debuxo. Museo de Pontevedra.
Coa chegada do S. XXI moitos serán os artistas que sigan realizando obras arredor destas figuras. A representación das cantareiras nas artes plásticas non só nos permite achegarnos á tradición musical galega, senón tamén recoñecer o papel das mulleres na preservación da nosa identidade. No Día das Letras Galegas, tan merecidamente adicado a elas, reparamos na súa voz colectiva que aínda permanece viva, lembrándonos que a nosa cultura popular é unha cultura de resistencia, colectividade e memoria, e que debe ser valorada e conservada como parte fundamental do noso pasado, presente e futuro como pobo.
Fontes consultadas:
©Dereitos de autor. Todos os dereitos reservados.
Necesitamos su consentimiento para cargar las traducciones
Utilizamos un servicio de terceros para traducir el contenido del sitio web que puede recopilar datos sobre su actividad. Por favor revise los detalles en la política de privacidad y acepte el servicio para ver las traducciones.